O expresidente de Caixanova Julio Fernández Gayoso sairá en liberdade para colaborar coa Fundación Érguete

A Audiencia Nacional decretou a liberdade do exbanquero, condenado a dous anos de prisión polo caso das indemnizacións millonarias

| 31/07/2017 | Actualizada ás 18:57 por EUROPA PRESS

Comparte esta noticia

A Audiencia Nacional acordou poñer en liberdade ao expresidente de Novacaixagalicia Julio Fernández Gayoso, que abandonará o cárcere da Lama (Pontevedra) para colaborar coa Fudanción Asociación Érguete Integración, que axuda a persoas en situación de exclusión social e drogodependencia.

Julio Fernández Gayoso
Julio Fernández Gayoso | Fonte: Europa Press

Segundo informou a propia Audiencia Nacional, o xuíz de Vixilancia Penal, José Luís Castro, decretou este luns a liberdade do exbanquero, condenado a dous anos de prisión xunto con outros directivos polas indemnizacións que se concederon a si mesmos antes de abandonar a entidade e que alcanzaron os 22 millóns de euros.

No seu auto, o maxistrado recorre, de acordo co fiscal, ao artigo 100.2 do Réxime Penal, que fai referencia "á aplicación do sistema máis flexible de execución penas, coa esixencia de que o interno realice as citadas actividades de voluntariado".

Deste xeito, Fernández Gayoso, de 85 anos de idade, realizará ditas actividades na Fundación Érguete, creada en 1985 por Carmen Avendaño para axudar a persoas con problemas de adicción ás drogas, onde colaborará en cuestións "relativas á contabilidade"

José Luís Castro xustifica que a súa decisión está baseada na idade de Fernández Gayoso e "no seu delicado estado de saúde", á vez que deixa "en mans da Administración Penal", a decisión "sobre o mecanismo que estime suficiente para o control" do exdirectivo da caixa galega.

"RESARCIR Á SOCIEDADE"

"Con esta actividade o interno, xunto co pago da responsabilidade civil, poderá dar cumprimento á finalidade restaurativa da pena tan importante no ámbito do tratamento penal, pois a través dos labores de asistencia a persoas desfavorecidas poderá, en certa medida, resarcir á sociedade do dano causado coa súa acción delituosa", reza o auto da Audiencia Nacional.

Ademais, considera que, cos seus "amplos coñecementos financeiros", Fernández Gayoso será quen de "devolver á sociedade a confianza rota polo dano causado" a través do seu traballo en Érguete "estudando e preparando documentación para a posible obtención de subvencións, así como axudando no ámbito contable".

RESPONSABILIDADE CIVIL ABONADA

Ademais, o xuíz tamén estima positivamente o feito de que o exdirectivo abonase a responsabilidade civil que lle foi imposta na condena "de forma solidaria" xunto aos outros acusados.

"Fernández Gayoso non puxo obstáculo algún en cubrir a dita responsabilidade, máis ben o contrario, a súa conduta en todo momento e especialmente durante a executoria estivo dirixido a facilitar que se fixese efectivo o pago da devandita responsabilidade", sinala o auto.

Algún erro? Nota editorial
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta