Aprender fotoxornalismo da man de Gervasio Sánchez

Afundación presenta un obradoiro de fotoxornalismo impartido polo recoñecido reporteiro.

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 01/08/2017 | Actualizada ás 18:00

Comparte esta noticia

O recoñecido fotoxornalista Gervasio Sánchez ofrecerá un obradoiro sobre a fotografía de conflito e a evolución da prensa na sede Afundación de Santiago de Compostela, os días 6, 7 e 8 do vindeiro mes de outubro.

Foto de Gervasio Sánchez feita por Diego Sánchez
Foto de Gervasio Sánchez feita por Diego Sánchez

Baixo o título «A dignidade é o que importa», Sánchez disertará sobre o papel que desempeñan xornalistas e fotógrafos nos conflitos, e farao mediante un percorrido pola súa obra como fotoxornalista, que comeza na década dos 80 e inclúe reportaxes fotográficas realizadas en conflitos bélicos como o de Saraxevo, Serra Leoa e Afganistán ou sobre as consecuencias das minas antipersoa en Angola ou a traxedia dos nenos da guerra.

En cada xornada, os participantes poderán mostrar tamén o seu traballo fotográfico e compartir as súas experiencias. Dirixido a xornalistas, fotógrafos de prensa, estudantes e afeccionados á fotografía ou a persoas con inquedanzas sociais, as inscricións pódense realizar a partir de mañá xoves 27 de xullo e ata o 3 de outubro na web Ataquilla.com.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta