Temas: EMPREGO PARO

Galicia lidera en xullo a baixada do paro no Estado

O número de desempregados redúcese en 7.794 persoas, o que supón o 29 por cento do total rexistrado no conxunto do Estado.

Por Europa Press / Redacción | A CORUÑA | 02/08/2017 | Actualizada ás 11:23

Comparte esta noticia

O paro rexistrado no mes de xullo baixou en 12 comunidades autónomas, encabezadas por Galicia, con 7.794 parados menos, segundo informou este martes o Ministerio de Emprego e Seguridade Social. Esta cifra supón que só en Galicia se reduciu o 29 por cento do total do desemprego no Estado.

Paro
Paro | Fonte: Europa Press

A nivel estatal, o número de parados rexistrados nas oficinas dos servizos públicos de emprego baixou en xullo en 26.887 desempregados respecto ao mes anterior. Así, o volume total de parados alcanzou a finais do mes a cifra de 3.335.924 desempregados, o seu nivel máis baixo do últimos oito anos.

A Galicia, séguenlle Andalucía, con 4.245 parados menos que no mes anterior, e Cataluña, cunha baixada de 4.075 no número de desempregados. Por provincias, o desemprego redúcese en 36, entre as que figuran Pontevedra e A Coruña, con 3.004 e 2.796 parados menos, respectivamente; Ourense, con 1.043 e Lugo, con 951.

SITUACIÓN POR PROVINCIAS

En total, en Galicia rexistráronse, a mes de xullo, un total de 181.871 desempregados, dos que 71.498 corresponden á provincia coruñesa, un 3,76% menos en relación ao mes anterior; outros 71.650 á de Pontevedra, un 4% menos; 20.702 á de Ourense, un 4,80% menos en relación a xuño e 18.021 á de Lugo, cun 5,01% menos en taxa intermensual.

De acordo cos datos feitos públicos, xullo é un mes no que o desemprego se comporta habitualmente de forma favorable, principalmente pola tempada turística.

Así, desde o inicio da serie histórica, o paro descendeu neste mes en 19 ocasións e só subiu en dúas, en xullo de 2005, cando aumentou en 14.557 persoas, e no mesmo mes de 2008, cando repuntou en 36.492 desempregados

SECTORES

En toda Galicia, os datos rexistrados o mes pasado supoñen un descenso do 4,11% no número de parados respecto ao mes anterior e un 6,95% en taxa interanual. Mentres, do total de parados rexistrados na comunidade autónoma galega, 78.423 corresponden a homes e 103.448 a mulleres.

Por actividade económica, o sector servizos rexistra o maior número de desempregados, cun total de 119.929 persoas. Séguenlle a industria, con 20.963; a construción, con 18.307 e a agricultura, cun total de 6.356 persoas.

CONTRATACIÓNS

En canto ás contratacións, en xullo contabilizáronse en Galicia un total de 107.578 contratos, un 3,83% máis en relación ao mes anterior, e un 8,13% de aumento en relación a xullo do ano pasado. Deles, 6.641 foron indefinidos.

Por provincias, A Coruña e Pontevedra rexistraron o maior número de contratos, 45.044 e 42.090, respectivamente, cun total de 3.051 e 2.255 indefinidos. Séguenlle Lugo, con 12.154 contratos, deles 797 indefinidos; e Ourense, con 8.290 contratos, dos que 538 foron contratacións indefinidas.

Temas: EMPREGO PARO
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 E iso?

Por que foi Galiza a ue máis reduciu o paro en xullo? É que o noso país se está a converter na nova Marbella e hai que contratar camareiros para servir aos ricos extranxeiros? Porque non creo que se deba á xestión da Xunta, levan nove anos cunha má xestión e non creo que mudaran de golpe...