A empresa do alcalde detido traballa a miúdo para a Deputación

Empresa Gavilanes, a compañía de autobuses do alcalde de Xunqueira de Ambía (PP), contrata regularmente coa Deputación de Ourense. Nos últimos catro anos, esta Administración, que goberna o seu partido, encargoulle traballos polo menos en 11 ocasións.

Por Galicia Confidencial | Ourense | 03/08/2017 | Actualizada ás 08:00

Comparte esta noticia

A Policía Nacional acúsaos dun delito contra os dereitos dos inmigrantes, por telos presuntamente traballando sen contrato e Seguridade Social. Unha das tarefas que a Brigada de Estranxería di que facían os emigrantes é, precisamente, a limpeza de autobuses de Empresa Gavilanes.

O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, recibiu o 13 de xuño de 2017 no Pazo Provincial ao alcalde de Xunqueira de Ambía, José Luis Gavilanes Losada.
O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, recibiu o 13 de xuño de 2017 no Pazo Provincial ao alcalde de Xunqueira de Ambía, José Luis Gavilanes Losada.

23.000 euros en catro anos

Na acta da Xunta de Goberno da Deputación de Ourense de 8 marzo de 2013, aprobouse por unanimidade o pago de dez facturas a esta compañía de transportes. Son por cantidades pequenas e medianas, entre 270 e 9.100 euros. A maioría dos servizos corresponden ao traslado de bandas de gaitas e corais.

O 20 de outubro de 2016 a Xunta de Goberno recoñeceu o pago doutra factura, 2.475 euros por “traslados varios”. En total, estas once contratacións a Deputación a Empresa Gavilanes SL suman máis de 23.100 euros.

Ao seren cantidades non moi grandes, a Administración non ten obriga de sacar o contrato a concurso público. Abóndalle con pedir orzamento, e logo aprobar o pago da factura unha vez realizado o servizo.

Gavilanes Losada, á dereita, durante unha visita de representantes da Xunta ao albergue de Xunqueira de Ambía
Gavilanes Losada, á dereita, durante unha visita de representantes da Xunta ao albergue de Xunqueira de Ambía | Fonte: xunta.gal

A Deputación de Ourense está gobernada polo PPdeG, o mesmo partido no que milita Gavilanes dende 1987. O pago das facturas foi aprobado co voto a favor dos partidos da oposición.

Manuel Baltar, presidente provincial e do PP de Ourense, non tomou medidas polo de agora. Interpelado no último pleno, limitouse a sinalar que “falei con el e persoalmente nega todo o que se desprende dos informes”. O líder conservador pide respecto a presunción de inocencia e aos tempos da xustiza. Gavilanes, o seu fillo e a súa muller foron detidos, pero quedaron libres, con cargos, as poucas horas.

Non lle paga aos condutores portugueses, di o BNG

En todo caso, a oposición xa explotou as detencións para recordar o polémico pasado empresarial do edil. «Hai anos que vén tendo problemas coa xustiza, con casos como o do taller de costura, os da súa empresa de transportes, as canteiras e, nalgúns casos, con sentenzas xudiciais por todos coñecidas. E no caso da súa empresa de transporte cun importante número de impagos a condutores dos seus autobuses, polo xeral cidadáns portugueses que acaban desistindo nas súas reclamacións», dixo Ramiro Rodríguez do BNG.

De acordo ao dito polo Bloque e de confirmarse a denuncia da Policía enviada ao xulgado, non sería a primeira vez que Gavilanes se aproveita de traballadores foráneos.

Ante esta situación, o sindicato CIG xa pediu a fin das contratas públicas con Empresa Gavilanes. Ademais das citadas contratas coa Deputación, a compañía familiar gañou dous lotes do 065, o servizo de transporte de anciáns e dependentes da Xunta. A Policía di que outra das tarefas que facían os emigrantes era, precisamente, acompañar anciáns.

Gavilanes, ademais, acaba de gañar unha liña no novo concurso de transporte da Xunta.

O alcalde nega as acusacións

O cargo público investigado defende con rotundidade a súa inocencia. "Non son un delincuente, nin me dedico a explotar á persoas” respondeu a Europa Press.

De acordo a súa versión, a súa familia (a súa muller tamén foi detida) “ofreceulles axuda humanitaria a cambio de nada" a través de Cáritas e asociacións de inmigrantes. 

O edil asegura que “en ningún caso” estivo traballando ninguén na súa empresa de transportes, o que contradí a versión da Policia Nacional trasladada ao xulgado. Na súa opinión, a operación só e unha iniciativa dalgún funcionario que busca unha medalla. Eles, asegura, só quixeron axudar aos inmigrantes.

Autobús de Empresa Gavilanes
Autobús de Empresa Gavilanes | Fonte: Glen Wallace wikimedia
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 2 comentarios

2 Asesores de AGE non

Hai que modernizarse o moderno é fundar unha empresa que se chame Cidadanía de Contratacións coa Deputación SL

1 KKK

O que teñen que mirar e si non os daban de alta na seguridade social pero si no censo electoral polo das eleccións municipalistas ... xa todo e posible con esta xentiña do pepesclan - https://www.youtube.com/watch?v=JxM...