Convocadas 8 bolsas de formación en proxectos de investigación do Ramón Piñeiro

A Secretaría Xeral de Política Lingüística convoca a orde para prazas de investigación lingüística, literaria, histórica e antropolóxica sobre a lingua propia de Galicia.

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 02/08/2017 | Actualizada ás 17:54

Comparte esta noticia

Diario Oficial de Galicia (DOG) publica este mércores a orde da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, por medio da Secretaría Xeral de Política Lingüística, a Orde do 18 de xullo de 2017 pola que se aproban as bases reguladoras que rexerán o concurso público de oito bolsas de formación en proxectos de investigación que se están a desenvolver no Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades (CRPIH) e se procede á súa convocatoria.

Becarios incorpóranse como bolseiros aos proxectos de investigación do Centro Ramón Piñeiro, dependente da Secretaría Xeral de Política Lingüística
Becarios incorpóranse como bolseiros aos proxectos de investigación do Centro Ramón Piñeiro, dependente da Secretaría Xeral de Política Lingüística | Fonte: Xunta.

En concreto os proxectos incluídos na convocatoria son o Etiquetador/Lematizador do Galego Actual (CORGA/XIADA), o Corpus Documentale Latinum Gallaeciae (CODOLGA), a Bibliografía Informatizada da Lingua Galega (BILEGA), o de Terminoloxía Científico-Técnica, o de Informes de Literatura, o de Recuperación de textos poéticos e xornalísticos galegos, o proxecto Lírica profana galego-portuguesa e o de Dimensión da identidade colectiva de Galicia. Trátase, pois, de oito bolsas que supoñen a reafirmación do compromiso da consellería coa investigación lingüística, literaria, histórica e antropolóxica sobre a lingua propia de Galicia, co fin de avanzar na súa normalización e promover o seu uso en todos os eidos profesionais e sociais.

As persoas interesadas en concorrer á devandita convocatoria poden presentar as súas solicitudes desde o 2 de agosto ata o 4 de setembro de 2017. Ao texto completo da convocatoria pódese acceder no portal do DOG.

REQUISITOS

A convocatoria destas bolsas vai dirixida a titulados universitarios, coa finalidade de contribuír á especialización na súa formación académica, profesional ou investigadora.

Poderán presentarse os licenciados ou graduados nas titulacións de Ciencias Políticas e da Administración, Historia, Documentación, Tradución e Interpretación e filoloxías. Ademais os aspirantes deberán acreditar posuír os requisitos específicos para cada proxecto, tales como coñecementos de informática, estar capacitado para ler e traducir textos en diferentes linguas románicas no estado medieval, práctica na elaboración de repertorios bibliográficos comentados ou manexo de procesadores de texto e bases de datos, entre outros.

Os bolseiros desenvolverán o seu labor neste centro ata o ano 2019.

TRAXECTORIA DO CRPIH

O CRPIH destaca pola relevancia dos seus proxectos e mais pola súa contribución á formación investigadora. Desde a súa creación hai 24 anos, pasaron por el preto de 500 investigadores diferentes, tanto bolseiros e bolseiras galegos que se formaron participando nos seus proxectos coma outros estranxeiros de estadía durante un trimestre para desenvolver traballos de investigación propios baixo o asesoramento dos directores dos proxectos, semellantes aos dos seus centros de procedencia. Moitos destes son hoxe doutores, profesores universitarios ou docentes no ensino medio que, desde os postos actuais, continúan a ofrecer importantes contribucións ao coñecemento sobre a lingua e a literatura galegas.

Actualmente, o CRPIH ten en marcha unha vintena de proxectos de investigación, nomeadamente das áreas lingüística e literaria. Na de lingua, avánzase no Corpus de Referencia do Galego Actual (CORGA), no mencionado CoToVía, na Bibliografía Informatizada da Lingua Galega (BILEGA), no Corpus Documentale Latinum Gallaeciae (CODOLGA) ou na liña de investigación de fraseoloxía galega.

Na área de literatura, hai proxectos orientados á literatura medieval, coma o xa sinalado Arquivo Galicia Medieval, e outros dirixidos ao estudo da literatura galega contemporánea, coma o de Bibliografía da literatura galega, o Dicionario xeral de termos literarios, os Informes de literatura, os proxectos de recuperación de narrativa, de poesía ou de revistas dos séculos XIX e XX ou os Cadernos Ramón Piñeiro. Ademais, desenvólvese o proxecto antropolóxico Dimensión da identidade colectiva de Galicia e prodúcense obras de filosofía, de socioloxía, de cine ou de ciencia 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta