O Cine Zárate de Mugardos xa é Patrimonio Cultural de Galicia

O edificio, inaugurado en 1926, atópase en estado ruinoso. A Consellería de Cultura porá agora en marcha un plan de protección.

Por Galicia Confidencial | Mugardos | 03/08/2017 | Actualizada ás 13:55

Comparte esta noticia

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria —a través da Dirección Xeral de Patrimonio— vén de resolver a inclusión do Cine Zárate, en Mugardos, no Catálogo do Patrimonio Cultural de Galicia como ben inmoble coa categoría de Monumento, tal como publica este xoves o Diario Oficial de Galicia (DOG).

O cine Zárate de Mugardos
O cine Zárate de Mugardos | Fonte: Google Maps.

Desde o punto de vista da relevancia cultura, o cine Zárate representa unha testemuña da identidade mugardesa nun período de prosperidade económica e social asociada á industria conserveira e aos movementos migratorios. Así, o seu valor non reside exclusivamente na súa singularidade material, senón tamén na vinculación co contexto socio-económico da época, que posibilitou o desenvolvemento da cultura do lecer. Polo tanto, as particularidades técnicas do cine Zárate valóranse xunto coa súa dimensión como elemento da identidade local e a súa repercusión na sociedade mugardesa e na súa cultura.

HISTORIA

O cine Zárate foi inaugurado o 29 de maio de 1926, cunha sala cinematográfica deseñada polo arquitecto coruñés Eduardo Rodríguez-Losada Rebellón, quen creou un edificio ecléctico, seguindo a moda da época, e recoñecible noutras salas da Coruña, Pontevedra ou Vigo. Destaca sobre todo a riqueza decorativa da súa fachada principal, cuxo colorido anuncia o modernismo.

A sala de cine, situada a escasos metros do Concello, recibiu o seu nome do indiano mugardés Pedro Zárate Doménech, que mercou en 1924 o soar sobre o cal construiría a sala cinematográfica Rodríguez-Losada Rebellón. 

Naceu, como era habitual nese momento, como un local para diversas actividades sociais de ocio, o que entón recibía o nome de «salón». O deseño interior respondía ao esquema habitual dos salóns de variedades, tomado dos teatros á italiana (vestíbulo, sala e escena). A planta rectangular daba cabida a un maior número de butacas e na planta superior situábase o anfiteatro e contaba en total cunha capacidade de 304 localidades.

Mercedes López Zárate herdou do seu pai o Ideal Cinema e mantivo o uso da sala ata 1934, cando a familia Zárate alugou o inmoble a José García Niebla. Neste momento o inmoble tivo de ser reformado por Nemesio López Rodríguez debido a que as instalacións xa se atopaban en deficiente estado; ademais, para que o cinema puidese seguir funcionando era necesaria a apertura dun acceso independente á cabina pola terraza. Anos máis tarde, o aluguer do inmoble pasou a José García Dorado, quen o mantivo en uso ata o seu peche definitivo en xullo de 1969.

Desde que o cinema deixou de funcionar na década dos 60 do século XX, comezou a decadencia do inmoble que vemos hoxe en estado ruinoso. Os seus restos representan a época dourada dos cinemas e identifican o Ideal Cinema Zárate como principal centro de lecer en Mugardos durante moitos anos, no cal tamén se ofrecían espectáculos de teatro e bailes, e incluso mítins nos anos anteriores á II República.

Amais da sala de cinema, o edificio presenta no seu muro suroeste un local trapezoidal acaroado no exterior da fachada lateral, que foi cantina do local, cuberto por unha terraza con estrutura porticada, con piares sobre pedestal e balaustrada de formigón decorada con motivos xeométricos. Esta cantina converteuse co tempo no Bar Fernando, conservando sempre ese carácter de centro da vida social mugardesa.

A fachada principal, de gran riqueza decorativa, desenvolve unha composición simétrica de seis pilastras que percorren as dúas plantas e sosteñen un friso en que as metopas delimitan as palabras «Ideal Cinema Zárate», nas cales aínda se pode intuír unha policromía de cor azul.

Esta fachada de linguaxe ecléctica, que anuncia o modernismo polo colorido empregado, remátase cun frontón triangular central decorado con motivos vexetais. Mentres o corpo baixo da fachada articula cinco ocos, un en cada pano, alternando tres vans de acceso e dúas ventás con pequenos balaústres de ferro fundido, o corpo superior presenta nos panos laterais uns paneis cerámicos de azulexos que utilizan as cores branca e verde para presentar debuxos xeométricos.

ESTRUTURA

O edificio exento componse de dous volumes diferenciados construídos cunha estrutura mixta de pedra, fábrica de ladrillo, formigón armado, madeira e aceiro.

O volume principal destinado á sala de cinema, de planta cuadrangular desenvolta en altura cun semisoto, baixo a rasante da rúa principal e o volume restante ata a cuberta.

No semisoto disponse unha estrutura de muros de carga de cachotaría de pedra duns 70 cm de espesor para cimentar o edificio, conter o terreo e apoiar a estrutura principal do edificio sobre rasante, formada por muros de carga de medio pé de fábrica de ladrillo apilastrados mediante machóns de formigón armado duns 40×40 cm que serven a apoio á cuberta.

Por último, a cuberta do volume principal estaba resolta mediante tesoiras formadas por perfís laminados de aceiro e tirantes de aceiro de sección circular que servían de soporte ao cerramento de cuberta e ao falso teito interior.

O volume destinado a cantina, acaroado ao volume principal e de menor altura que este, de planta trapezoidal, consta de semisoto, planta baixa e terraza con estrutura porticada de formigón armado, que servía de apoio a unha pérgola hoxe en día desaparecida, formado por alicerces de formigón armado duns 25×25 cm unidos na cabeza mediante vigas de formigón armado.

O desenvolvemento en altura da planta resólvese mediante placas unidireccionais de formigón armado con viguetas de perfís laminados de aceiro. A placa de cuberta resólvese mediante a mesma solución e é transitable e destinado a terraza.

PLAN DE PROTECCIÓN

O edificio presenta actualmente un avanzado estado de deterioración a causa da falta de uso e da ausencia de conservación. Sen cuberta, soamente conserva en pé as fachadas, das cales presentan un interese especial a principal do cinema e a lateral suroeste, na cal se acaroa a estrutura porticada da cantina.

Dadas estas características, considérase que o nivel de protección deste ben ten que ser o de protección integral para o volume incluído na parcela con referencia catastral número 0324206NJ6102S0001FE e a fachada principal do volume correspondente coa parcela 0324205NJ6102S0001TE que, segundo o artigo 41 da Lei 5/2016, do 4 de maio, de patrimonio cultural de Galicia, supón a "conservación íntegra dos bens e de todos os seus elementos e compoñentes nun estado o máis próximo posible ao orixinal desde a perspectiva de todos os valores culturais que conforman o interese do ben, respectando a súa evolución, transformacións e contribucións ao longo do tempo".

Será obxecto dunha protección ambiental o resto da parcela 0324205NJ6102S0001TE correspondente coa edificación principal do cinema, que, segundo o citado artigo 41, supón a conservación dos aspectos máis visibles e evidentes dos bens que, malia non presentaren un interese individual destacable, conforman o ambiente dun lugar de forma homoxénea e harmoniosa.

Temas: CINE MUGARDOS
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Lucía Gil

Disculpen por no publicar el comentario en Gallego, pero ya casi ni me acuerdo de hablarlo. Tengo que decir que este cine, según me contaba mi abuelo era uno de los mejores donde ponían películas casi todos los días y se llenaba de personas. Ha salido en muchas noticias cine de todo el mundo, lo conocen incluso hasta en latino américa y a mi la verdad me hubiera encantado conocerlo y poder visualizar películas como antiguamente. Menos mal que ahora será patrimonio cultural :) Saludos.