Temas: PORTOS

A primeira Lei de portos de Galicia contempla ampliar as concesións de 30 a 50 anos

O Consello da Xunta aproba a primeira lei de carácter autonómico que regulará a xestión e explotación de 122 portos.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 03/08/2017 | Actualizada ás 18:09

Comparte esta noticia

O Consello da Xunta aprobou este xoves o proxecto da Lei de Portos de Galicia, a primeira de carácter autonómico que regulará a xestión e explotación de 122 portos dependentes da Administración galega, e que recolle, entre outros puntos, a ampliación do prazo das concesións de 30 a 50 anos.

Vista aérea do porto de Vilagarcía
Vista aérea do porto de Vilagarcía | Fonte: Autoridade Portuaria de Vilagarcí­a de Arousa

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, destacou que esta normativa permitirá adaptar a lei estatal ás diversas particularidades dos portos de competencia da Xunta, nun territorio que conta con 1.700 quilómetros de costa.

Trátase dun texto encamiñado a mellorar o funcionamento e o estado das instalacións portuarias, a achegar maiores garantías aos investidores e dar un papel decisivo á participación dos emprendedores na actividade portuaria.

Entre os puntos destacados, figura a ampliación do prazo das concesións de 30 a 50 anos. A nova normativa afonda tamén na transparencia no procedemento das concesións, posto que se sacará a licitación para que exista unha competencia clara e transparente.

Así mesmo, introdúcese a simplificación do acceso para a prestación de servizos públicos a través das concesións, reducindo o proceso dos 4 meses actuais a 30 días.

Outros dos puntos incluídos fai referencia á axilización da retirada de buques, vehículos ou maquinaria abandonados. Respecto diso, consideraranse abandonados os automóbiles que permanezan máis dun mes, ou os barcos de máis de seis meses, depositados en seco sen ser abonados.

Tamén aborda a axilización dos prazos de autorizacións de atracada. Feijóo destacou que o novo documento abrirá un prazo de presentación de solicitudes que non será superior a 15 días hábiles. Tras a adxudicación, no caso de que non foran suficientes, haberá unha lista de espera para cada un dos portos e instalacións de titularidade autonómica.

O texto prevé a figura de plans directores de infraestruturas dos portos para planificar a dotación de proxectos de obras e de instalacións durante un horizonte temporal dun mínimo de 5 anos.

En relación á creación dos plans especiais que recollen o sistema de cada porto, Feijóo destacou que incluirán as previsións necesarias para unha eficiente explotación do espazo portuario e a súa conexión con sistemas xerais de transporte terrestre.

Finalmente, o documento incide en reforzar a figura dos gardas dos portos ao atribuírlle carácter de axente da autoridade, e recollerá a prohibición de calquera tipo de verquido en dominio público portuario.

Feijóo concluíu que se trata dunha lei que "busca axilizar o funcionamento da administración portuaria de Galicia" e os trámites aos investidores.

Temas: PORTOS
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta