O profesor Takekazu Asaka leva a lingua galega a Xapón

O profesor de Filoloxía Románica da Universidade de Tsudajuku elaborou a 'Nova gramática do galego' e traduciu o poemario 'Os Eidos' de Uxío Novoneyra.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 04/08/2017 | Actualizada ás 14:22

Comparte esta noticia

Takekazu Asaka, profesor de Filoloxía Románica da Universidade de Tsudajuku (Xapón), vén de presentar dúas obras galegas traducidas por el mesmo ao xaponés coas que leva o idioma de Galicia ao país nipón. Asaka elaborou a 'Nova gramática do galego', que ofrece unha revisión da 'Gramática do galego moderno', obra que publicou este mesmo autor en 1993. Doutra banda, traduciu o poemario 'Os Eidos' de Uxío Novoneyra. Ditas obras foron presentadas este xoves nun acto no que o filólogo xaponés estivo acompañado, entre outros, polo secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García.

Secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García e Takekazu Asaka
Secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García e Takekazu Asaka | Fonte: Europa Press

"Estas dúas obras contribúen a reforzar a proxección exterior do galego, algo que incide directamente no prestixio e coñecemento da lingua", agradeceu García.

Así pois, a 'Nova gramática do galego' é un texto "pioneiro" e "actualizado" en base á modificación normativa do 2003 que serve "para todos os xaponeses que queiran aprender a nosa lingua". Ademais, o libro conta cun prólogo do filólogo galego Francisco Fernández Rei no que destaca "a forte unión de Asaka con Galicia desde hai décadas".

Doutra banda, a edición bilingüe galego-xaponés do poemario 'Os Eidos', de Uxío Novoneyra, posibilita, segundo destacou García, "o coñecemento por parte do público do país nipón dunha de obras cume da poesía galega de posguerra".

Takekazu Asaka está "fortemente vinculado" a Galicia desde "hai trinta anos" e foi nomeado académico correspondente e embaixador da lingua galega en Xapón.

Neste sentido, o poeta Claudio Rodríguez Fer, quen tamén asistiu ao acto de presentación, incidiu en que "os labores realizados por 'Take' son fundamentais non só para a supervivencia do galego, senón para a supervivencia da diversidade humana".

Pola súa banda, o secretario do Centro Ramón Piñeiro, Armando Requeixo, destacou e agradeceu o "valor engadido" que supón o traballo de Asaka para a promoción da lingua galega.

"Hai autores que son celebridades na súa terra pero non teñen a posibilidade de ser coñecidos noutros países. O traballo de 'Take' proporciona precisamente que autores galegos poidan ser coñecidos en Xapón", concluíu.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 2 comentarios

1 Anxo Tarrío

Benvido Asaka!!! Coñecino con motivo da tradución ao xaponés de Rosalía. Unha aperta para el e para todos os que o recibiches no Centro R:P.

1 Anxo Tarrío

Benvido Asaka!!! Coñecino con motivo da tradución ao xaponés de Rosalía. Unha aperta para el e para todos os que o recibiches no Centro R:P.