Temas: NARóN XABARIL

“Que o xabaril teña que buscar comida na zona urbana é síntoma da enfermidade do agro galego”

Esquerda Unida en Narón alerta da cada vez máis habitual presenza destes animais nos centros urbanos e das desfeitas que causan en cultivos. Por isto, esixe á Xunta un estudo "serio" sobre a poboación de xabaril.

Por Galicia Confidencial | Narón | 05/08/2017 | Actualizada ás 11:35

Comparte esta noticia

Outro episodio dun xabaril paseando por pleno centro urbano sorprendeu recentemente aos cidadáns de Narón. Nesta ocasión foi en Ultramar, pero xa tiñan aparecido pola Gándara, por Piñeiros, cruzando a autovía, ou facendo camiñada pola carreteira de Castela. Os de Narón non son casos illados. Son xa recorrentes as aparicións de xabarís que se achegan aos centros urbanos de localidades de todo o país. O que antes eran anécdotas ou acontecementos curiosos agora son un síntoma dalgo "realmente grave", alerta Esquerda Unida (EU) en Narón. "Que o xabaril teña que buscar comida na zona urbana non é unha anécdota, é un síntoma da enfermidade do agro galego", engade.

Xabarís no centro de Narón
Xabarís no centro de Narón | Fonte: EU.

O concelleiro André Abeledo sinala que "o xabaril é un animal salvaxe que tenta sempre fuxir do ser humano, e só en moi raras ocasións achegase a centros urbanos; normalmente o fai por fame, no caso que na súa contorna natural non sexa capaz de alimentarse". Outra razón podería ser que "unha parte deste xabaril salvaxe xa non fose tal, e que agora algúns fosen porcos domestico no monte", engade. Pero do que "non queda dúbida" e de que "algo esta acontecendo, e de que a Xunta de Galicia ten a obriga de facer un estudo serio", expón Abeledo.  

"O feito de que o xabaril se vexa obrigado a pasearse buscando comida polo centro urbano, cruzando autovías e carreteiras, é un perigo para a seguridade viaria", continúa o representante de EU. Pero as ameazas esténdense aos cultivos agrícolas, que están a sufrir "abundantes danos" nosos concellos nos que se detectou a presenza de xabarís en zonas ocupadas polos humanos. Isto está supoñendo "perdas económicas para moitas persoas, tanto profesionais coma en producións para autoconsumo", describe o concelleiro.

O colectivo de labregos de Narón mantivo unha reunión o día 9 de xuño có responsable da fauna cinexética dependente da Consellería de Medioambiente, que "durante a reunión chegou a preguntar aos labregos cal era a poboación de xabaril na zona, como se fosen os labregos os responsables de contalos", relata Abeledo, quen alerta: "Isto significa que a Administración non conta con datos reais nin estudos sobre este incremento de poboación". 

Por todo isto, o concelleiro defendeu unha moción no Pleno solicitando á Xunta de Galicia a elaboración dun plan “real” para dar resposta aos problemas derivados do aumento da poboación do xabaril na comarca; proposta que foi foi aprobada con 16 votos a favor (EU, TEGA, PSOE, BNG, ENE) e 5 abstencións do (PP).

"No caso do colectivo de labregos en Narón, entenden a necesidade de que o xabaril e as outras especies da fauna autóctona estean protexidas, pero tamén que se protexa o seu medio de vida", explica Abeledo, quen entende que "a diminución da superficie agraria, o abandono do rural, o incremento da superficie de plantación de eucaliptos e a falla dunha política real orientada a loitar polo rural están a provocar que o xabaril se converta nun grave problema para as veciñas e veciños".

O concelleiro reclama ao Goberno galego que impulse medidas "reais" para dar solución a curto prazo a este problema, compensando aos labregos polos danos ocasionados polo xabaril, e a medio e longo prazo, controlando a poboación desta especie e traballando por recuperar o equilibrio no monte galego.

Temas: NARóN XABARIL
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 3 comentarios

2 Naronés de Narón

É de un descoñecemento terrible de Narón facer unha proposta así. Narón ten 31 afiliados á SS empregados no sector agrícola.

1 Fada-lobo

Unha boa observacion. O agro galego e rendibel pero compren proxectos claros e ben explicados. A revitalizacion do Banco de Terras, a potenciacion de feiras de produtos agricolas proximos, o aproveitamento sostible do bosque... Hai exemplos en Galicia mesmo. O agro e u dos nosos grandes potenciais. Por exemplo por que os concellos grandes non facilitan o aluguer de leiras proximas a xente que vive en nucleos urbanos? En Naron e mais que factible e no resto de cidades e vilas tamen. So con que facilitaran o aluguer seria un paso.

1 Aldeano da aldea

O fenómeno que chegou a esta conclusión tamén podería pensar na sobrepoboación de xabaríl como causa ou a invasión do monte polas casas e urbanizacións que se meten onde viven os pobres porquiños.