Un galego, lenda do Sella

O pontevedrés Álvaro Fernández Fiuza e o asturiano Walter Bouzán seguen coa súa tiranía no Descenso Internacional do Sella e acadan a vitoria por oitavo ano consecutivo cun tempo de 1h:07.13.

Por gcdeportes | Pontevedra | 06/08/2017 | Actualizada ás 09:11

Comparte esta noticia

O galego Álvaro Fernández Fiuza segue agrandando a súa lenda no Descenso do Sella, unha das competicións con maior tradición no deporte español. Xunto co seu compañeiro, o asturiano Walter Bouzán, proclamouse campión da proba por oitavo ano consecutivo.

Álvaro Fiuza (detrás) e Walter Bouzán, vencedores un ano máis no Sella.
Álvaro Fiuza (detrás) e Walter Bouzán, vencedores un ano máis no Sella. | Fonte: COE

A parella astur-galega cumpriu así co seu papel de favoritos na 81ª edición do famoso descenso internacional, que se celebrou este sábado entre as localidades asturianas de Arriondas e Ribadesella e na que participaron 1.300 padexeiros de ata 23 países. Fiuza e Bouzán impuxéronse nos metros finais ao K-2 de Emilio Merchán e Leonel Ramalho, segundos. O podio completouno a parella formada polo cántabro Julio Martínez e o leonés Julián Becerro.

Foi un dos Descensos do Sella máis emocionantes que se lembran, con ata cinco embarcacións loitando pola vitoria case ata o final. Os primeiros quilómetros da proba estiveron dominados por Martínez e Becerro. Pero á altura da Requesada produciuse a primeira substitución en cabeza, e Merchán e Ramalho puxéronse diante. Todo apuntaba a unha vitoria destes últimos, pero o porteo que fixeron na illa da Boticaria foi clave no triunfo de Álvaro Fiuza e Bouzán.

Malia que foron os últimos en coller a piragua coas mans para percorrer a pé a illa, un tropezón que sufriron os líderes da carreira ao subir de novo á embarcación permitiu ao padexeiro pontevedrés e ao seu compañeiro coller uns metros de vantaxe que, na recta final da proba, resultaron decisivos fronte ao seus rivais. Fiuza e Bouzán lograron o seu oitavo Descenso do Sella consecutivo tras cruzar a liña de meta cun tempo de 1h:07.13.

"Tivemos a sorte do campión", recoñeceu o propio Fiuza tralo triunfo en declaracións á televisión asturiana. "O oitavo Sella é un verdadeiro soño. Hai que gozalo", sinalou. Ademais, o pontevedrés afincado dende hai anos en Asturias deixou a porta aberta a regresar. "Se Walter quere, seguiremos. Aínda que foi un Sella que o pasamos mal. Non sabemos onde está o teito. Tras o Mundial, veremos se seguimos", dixo o pontevedrés.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta