Gómez Noya, grande en Montreal

O pentacampión mundial gaña con claridade a sétima proba das Series Mundiais sobre distancia olímpica no Canadá, o seu segundo triunfo do ano tras Abu Dhabi. O ferrolán, segundo na clasificación xeral do Mundial.

Por gcdeportes | Compostela | 06/08/2017 | Actualizada ás 22:23

Comparte esta noticia

Con rabia, celebrou Javi Gómez Noya a súa vitoria en Montreal, sobre distancia olímpica, a segunda das Series Mundiais deste ano trala acadada en Abu Dhabi. Tralo sexto posto a semana pasada en Edmonton sobre distancia esprinte, o triatleta ferrolán necesitaba resarcirse cunha vitoria. Gómez Noya controlou a proba ata a carreira a pé e a falla de sete quilómetros pegou un cambio de ritmo para deixar atrás a Kristian Blummenfelt e Jonathan Brownlee e entrar en solitario na meta. Aventaxou en 15 segundos a Blummenfelt e en 51 a Richard Murray, que finalmente completou o podio. Nas Series Mundiais, o galego sobre ao segundo posto.

Gómez Noya entra vitorioso na meta de Montreal.
Gómez Noya entra vitorioso na meta de Montreal. | Fonte: @triathlon.org

Nos 1,9 quilómetros de natación, o máis rápido foi Richard Varga, seguido por Jonathan Brownlee, Ben Kanute e Aaron Royle. Gómez Noya saiu da auga na 11ª posición, a 15 segundos da cabeza, pero moito mellor que Mario Mola, actual líder das Series Mundiais, que perdeu 55 segundos que á fin serían decisivos.

Trala T1, xa sobre a bicicleta, Brownlee, Kanute, Varga e Royle tentaron fuxir en cabeza, pero Gómez Noya, acompañado por Kristian Blummenfelt e Seth Rider, apertou os dentes para alcanzar o liderado da proba. Os sete primeiros traballaron en conxunto, e mantiveron lonxe o grupo principal no que ía Mario Mola, o rival máis perigoso na carreira a pé.

Na T2, Gómez Noya, Brownlee e compañía tiñan preto dun minuto de vantaxe sobre Mola. O ferrolán asumiu o mando do grupo de cabeza e foi deixando atrás a todos os rivais. Primeiro, Varga, Kanute, Royle e Rider. Ao paso polo quilómetro sete, aproveitando unha forte pendente, a Brownlee e Blummenfelt. Javi Gómez Noya mantivo o ritmo e non permitiu aos rivais achegarse. Na liña de meta, festexou con rabia a segunda vitoria das Series Mundiais, cinco meses despois da primeira en Abu Dhabi. Segundo foi o noruegués Kristian Blummenfelt e terceiro o surafricano Richard Murray, que adiantou a Jonathan Brownlee. O mallorquino Mario Mola sufriu un esmorecemento e foi perdendo posicións ata entrar 14º en meta.

Clasificación Series Mundiais:

1. Mario Mola 3.664 ptos
2. Javier Gómez Noya 3.361
3. Richard Murray 3.197
4. Fernando Alarza 3.172
5. Kristian Blummenfelt 2.860

Javi Gómez Noya celebra con rabia a segunda vitoria do ano.
Javi Gómez Noya celebra con rabia a segunda vitoria do ano. | Fonte: @triathlon.org

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta