Temas: METALURXIA CIG

"Hai prácticas de terrorismo empresarial coa complicidade de Comités ou delegados amarelos"

A folga do metal continúa na provincia da Coruña sen que haxa, polo momento, aproximación entre a patronal e os sindicatos. Benedicto Blanco é o delegado de Industria da CIG na comarca de Santiago e nesta entrevista fala dos motivos desta problemática e da súa evolución.

Por Xurxo Salgado | Compostela | 08/08/2017 | Actualizada ás 08:00

Comparte esta noticia

Como está sendo a folga do metal na Coruña?
Polo de agora o mais salientábel foi o seguimento masivo, a ausencia de incidentes graves, e as coaccións e represalias por parte da patronal para impedir o exercicio do dereito á folga. En canto ao seguimento, tanto en Compostela como no conxunto da provincia, estaríamos a fala de por volta do 90% nas empresas con representación sindical --as de mais de 5 traballadores--, con moita participación nos piquetes e nas manifestacións e asembleas que se realizan ao remate de cada xornada de folga. Ao mesmo tempo salientar que as ameazas do empresariado -sobre todo para cos traballadores precarios- son constantes desde o primeiro día de folga, con cambios de quendas obrigatorias, recuperación de horas en fins de semana, e mesmo recoller aos traballadores polos seus domicilios de madrugada e metelos nas fábricas e nos talleres en camións e furgonetas.
Pese a todo isto os traballadores do metal están mais que motivados do que nos xogamos nesta loita e dispostos a continuar ate o final.

Que é o que reclamades os sindicatos?
Pódese dicir que hai dous bloques de reivindicacións, un que pretende combater a precariedade e outro que pretende a recuperación de dereitos e de poder adquisitivo perdido nos últimos anos. No primerio bloque estaría todo o relacionado coa consecución de estabilidade no traballo: limitar a utilización das ETTs, dereito de subrogación para os traballadores das contratas de mantemento, fixar mínimo de traballadores indefinidos nas plantillas, etc. No segundo bloque iría o relativo ao incremento salarial (6% en catro anos), regular economicamente a dispoñibilidade fora da xornada, establecer un complemento salarial para os traballadores desprazados, levar ao convenio os acordos das auxiliares de Navantia, etc.
Quedarían logo outros temas como o seguimento e control da actividade das Mutuas por parte dos Comités de Empresa, así como a mellora dos permisos e licencias que posibiliten a conciliación da vida persoal e laboral.
Dicir que se esta negociación demorou ate aquí e rematou no actual conflicto foi porque desde un primeiro momento a patronal non só negaba rotundamente todas e cada unha das reivindicacións dos traballadores senón que a súa pretensión foi desde o inicio perpetrar un autentico recorte de moitos dereitos que estaban recollidos no convenio (afondar na distribución irregular da xornada laboral, rebaixar os salarios dos eventuais, recortar as melloras que temos no convenio en caso de baixa, eliminar a indemnizacion por traslado, etc. Sen entender como empezou esta negociación é dificil comprender o momento actual. Grazas á resposta contundente do sector, e tras dias de folga, a día de hoxe xa non se está a falar dos dereitos que perdemos senón de canto queremos e podemos mellorar o convenio.

E hai posibilidades de chegar a un acordo?
Desde o 11 de xullo non houbo ningunha reunión formal coa patronal. A última proposta presentada era absolutamente insuficiente para dar por finalizado o conflicto. O sector está disposto a que se non hai un acordo no mes de xullo en setembro haberá que retomar as mobilizacións e incluso con moita mais intensidade.

Con todo seica está tendo pouca incidencia nas grandes empresas do sector como Exlabesa e Cortizo, por que?
O grupo Quintá, ao que pertence Exlabesa non está no ámbito do convenio provincial do metal, polo que esta folga non lles afecta directamente, o mesmo pasaría con empresas como o grupo Televés. Son empresas con convenio propio, negociado na propia empresa entre a patronal e o Comité de Empresa. Diferente é o caso do grupo Cortizo que, ainda que non na súa totalidade, si están no convenio provincial. Evidentemente a pouca participación na folga ten a súa explicación no alto nivel de represión que existe nesta empresa que se podería definir como "terror patronal", onde a afiliación sindical é practicamente clandestina, onde mesmo as represalias contra familiares é unha constante para calquera sospeitoso de sindicalista ou simplemente de reclamar os seus dereitos. Os traballadores de Cortizo e de STAC saben do que falamos.

Entón dis que hai presións por parte destas empresas denuncialas....E que vai facer o teu sindicato para remedialo?
A CIG denunciou estas actitudes de terrorismo empresarial todos os días, e non só as denuniamos senón que nos mobilizamos durante todo o ano contra elas. Por desgraza esta situación conta, ás veces, coa complicidade de Comités de Empresa ou delegados de persoal amarelos postos "a dedo" polos patróns.

Manifestación dos traballadores do metal durante as folgas das últimas semanas
Manifestación dos traballadores do metal durante as folgas das últimas semanas | Fonte: CIG

Cales son os próximos pasos que darán os traballadores e sindicatos nesta folga?
Os pasos concretos están por definir e coñeceranse no seu momento. Non podemos dicir hoxe se en detembro a folga tomará forma indefinida, ou seguira sendo intermitente. Como diciamos antes, o que temos claro é que non vai haber nin un paso atrás. Este é un conflicto no que nos xogamos como van ser as relacións laborais no sector seguramente que durante moitos anos, e os traballadores do metal sabémolo e estamos dispostos a gañar esta batalla. Na man da patronal está voltar a mesa de negociación coa intención real de acordar.

Temas: METALURXIA CIG
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta