A Xunta promete cartos a todos os medios, a cuestión é como os repartirá

O BNG pedía axudas para os medios en galego e Rueda (PP) acabou prometendo -nun debate no que citou a entrevista de Galicia Confidencial ao creador de Chuza- diñeiro para todos á marxe da lingua. Nin palabra dixo si as axudas estarían vencelladas ao emprego estábel, como demandara o propio Parlamento. Tampouco falou dos convenios, subvencións a dedo, que GC debulla nesta información.

Por Walter Burns | O Irixo | 16/09/2010 | Actualizada ás 01:49

Comparte esta noticia

Tanto o Colexio Profesional de Xornalistas como o Sindicato de Xornalistas de Galicia levan anos reclamando que as axudas se repartan en función do mantemento do emprego estábel. O Parlamento de Galicia tomoulles a palabra e aprobou por unanimidade unha proposición non de lei a pasada lexislatura para que a Xunta vinculase as subvencións a creación de emprego digno.

None

Que outras empresas reciben subvencións sen presentar un plan de emprego?

Porén, nin o bipartito nin agora o PP fixo até o de agora nada por cumplir o mandato da Cámara. Os medios de comunicación seguen ser así as únicas compañías privadas que reciben subvencións sen presentar proxectos económicos nin plans de emprego.

En realidade, utilizan os cartos públicos para sacar beneficio a costa dunha enorme precariedade dos traballadores, o que ao final provoca que os cidadáns reciban información de pouca calidade.

Este mércores Rueda limitouse a prometer que habería cartos para todas as cabeceiras "con dificultades", á marxe do idioma. É dicir, que haberá diñeiro para todos os empresarios da comunicación.

Rueda tira de Galicia Confidencial

O conselleiro de Presidencia respondía a unha pregunta de Bieito Lobeira. O nacionalista acusábao de "discriminar" aos medios en galego. Como proba, o político do BNG sinalou á morte de Vieiros, Gz Nación, a versión dixital d'A Peneira, ao semanario en papel A Nosa Terra e á rede social Chuza!.

Rueda replicoulle a Lobeira que Berto Yañez, pai e finiquitador de Chuza!, non alegara problema económicos, senón problemas de tempo, circunstancia que explicou en primicia nunha entrevista ao Galicia Confidencial este luns.

Lobeira rebateu a promesa de Rueda de aumentar as axudas no DOG ao espetarlle que "cando pechen todos, poden ampliala até os 10 millóns". A presidenta do Parlamento interrumpiu o debate Lobeira-Rueda para facer unha aclaración sobre a subscrición da Cámara a A Nosa Terra.

O gran negocio dos convenios a dedo

Galicia Confidencial leva anos denunciando que a maioría das axudas da Xunta aos medios non son vía DOG, que establece requisitios de competencia, publicidade, etc. . Fraga, o bipartito e agora Feijóo reparten a dedo importantísimas cantidades mediante convenios de colaboración.

Por exemplo, Rueda presumiu hoxe que, tras unha información de Galicia Confidencial na que se alertaba da redución das axudas no DOG para os medios en galego, a Xunta aumentáraas a 400.000 euros. Porén, o seu Goberno sumaba esta primavera 2,4 millóns a dedo mediante convenios entre certos medios. O 33% destes cartos foron para La Voz de Galicia e o 18% para o Faro de Vigo.

O bipartito sumaba 6,6 millóns de axudas a dedo no seu terceiro ano no poder. Daquela o PPdeG criticaba esta práctica, pero agora aplícaa. Hai menos de dous meses, por exemplo, a secretaría xeral de Emigración subvencionaba sen concurso a certas cabeceiras da emigración.

Tanto o Consello de Contas, o ente público que fiscaliza os cartos da Xunta, como o Colexio de Xornalistas teñen criticado esta vía tan opaca de financiar a certos empresarios.

 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 2 comentarios

2 Mosque

Claro que si. O único importante e coller unha bandeira e pedir cartos por ter conta dela. Os malos sempre son "os outros". Son taaaan necesarios os medios de comunicación. Son unha ferramenta taaan indispensable no día a día (saber cantos mortos houbo, se o psicópata veciño saudaba ou non, se o político pericán e mellor co outro, se o disco que van a sacar os teus colegas é "o que precisaba Galiza", se un profesor de instituto vai revolucionar as letras galegas cunha nova novela histórica). Todo súpernecesario. Todo razóns de peso para tirar cartos públicos en empresas privadas. Todo moi da Pátria.

1 PancoPopular

Así, así!... a regalar os cartos públicos que total non son de ninguén, non? "Tranquilos todos que veño cos bolsillos cheos de cartos" . Ou esa mítica era do vello?.