Temas: PESCA

Os “capos da Galician Mafia” seguen a navegar

Barcos afundidos con explosivos e persecucións por medio planeta que rematan cun naufraxio provocado (vídeo no interior). Estas son algunhas das peripecias dalgúns barcos galegos acusados de pesca ilegal. Indagamos os nomes dos armadores que se agochan detrás dunha maraña de bandeiras de conveniencia ao fío da última operación do Estado contra eles, a Sparrow II.

Por Manuel Vilas | Vigo | 11/08/2017 | Actualizada ás 08:00

Comparte esta noticia

Este mes o Ministerio de Agricultura e Pesca, Alimentación e Medio Ambiente informaba que abría expediente aos armadores de dous barcos por pesca ilegal. Na nota, o Ministerio non daba detalles do nome das empresas. Posteriormente as axencias de información concretaban algo máis, pero só que eran de Ourense, Combarro e Ribeira.

A mariña de Indonesia rebenta con explosivos o Viking
A mariña de Indonesia rebenta con explosivos o Viking | Fonte: Sea Shepard

Tirando do folio dos barcos expedienteados, o  'Thunder' e o 'Tchaw', emerxen nomes de empresarios galegos das citades localidades, empresarios acusados de pesca ilegal por autoridades oficiais no pasado. Isto, e o feito de que haxa fotos do Tchaw recalando en Vigo en 2016, demostra que a mafia galega da pesca ilegal segue a operar.

O TCHAW, DESCARGA REGULARMENTE EN VIGO E TEN FÍOS CON OURENSE

Así, o organismo oficial Comisión para a Conservación dos Recursos Mariños no Antártico (CCAMLR) sitúa a José Manuel Salgueiro como último propietario coñecido do Tchaw. 

Segundo o xornal uruguaio La Red 21, José Manuel Salgueiro López figurou como vicepresidente de Alcimar, armadora doutro buque, o Maya V, capturado por Australia por pesca ilegal. 

O Thunder afundíndose no Golfo de Guinea nunhas imaxes tomadas dende o Sea Sephard, o buque ecoloxista que o perseguía
O Thunder afundíndose no Golfo de Guinea nunhas imaxes tomadas dende o Sea Sephard, o buque ecoloxista que o perseguía | Fonte: Sea Shepard

O presidente de Alcimar era Florindo González, que aparece como xerente de Pesca Cisne, baseada en Chile. Pesca Cisne é un dos maiores grupos pesqueiros galegos baseados en Sudamérica. É parte do grupo Frigoríficos Florindo, que comercializa conxelados baixo a marca "Bopeixe” e ten bases no Carballiño e na Valenzá, en Ourense, provincia citada na nota do Ministerio malia non ter mar.

O historial do Tchaw na base de datos oficial de pesca ilegal, administrada pola Organizacións Rexionais de Xestión de Pesca (RFMOs) e a Interpol, é de película.  

Foi bautizado con sete nomes diferentes nos últimos anos (o primeiro, en 1968, foi "Arosa Cuarto") e operou baixo as bandeiras de España, Panamá, Belize, Seycheles e por último, Togo. 

“O TCHAW foi incluído na lista de barcos adicados á pesca ilegal pola CCAMLR dende 2005. As zonas de pesca e de operacións recentes non están claras. Con todo, información de intelixencia indica que o barco recalou no porto de Vigo, España, en 2013, 2014, 2015 e 2016. Un fotografía mostra ao barco no que parece ser o peirao de Beiramar en Vigo o 17 de agosto de 2016. O rexistro do porto de Vigo mostra que estivo amarrado en xuño de 2016 baixo o nome de TCHAW”, relata esta organización internacional. O ente internacioal detalla a continuación a desaparición do rexistro oficial en Togo, país no que Salgueiro aparece como operador doutro pesqueiro.

O THUNDER, AFUNDIDO ADREDE TRAS SER PERSEGUIDO

O historial do Thunder tamén é de película e, por riba, con final dramático. Segundo a base de datos da Interpol, o seu capitán afundiuno a propósito en 2015 para cobrar o seguro, expedido por  Mutua Marítima de Seguros - MURIMAR, presidida polo armador galego Franciso Freire

O seu último operador operador foi Estellares SA, armadora de Combarro, Pontevedra, outra das localidades citadas polas axencias ao fío da nota do Ministerio.

As correrías do arrastreiro acabaron nas augas de Sao Tomé e Príncipe, golfo de Guinea, en 2015. O Sea Shepard, un buque dunha ONG ecoloxista, levaba máis de 100 días  perseguíndoo dende as augas do Antártico.  De acordo aos proteccionistas, o Thunder era o “barco furtivo máis famoso no mundo” e forma parte dunha organización dirixida por “Galician Mafia kigpins”, e dicir, capos da mafia galega. 

Quen son eses supostos xefes mafiosos? A CCAMLR nomea como outros dos operadores do Thunder a Trancoeiro Fishing, armadora doutro buque, o Viking, que foi destruído con explosivos por Indonesia o ano pasado por pesca ilegal. 

Segundo Faro, Trancoeiro Fishing comparte directivos con Meteora Development, dona doutro barco que traballaría para Vidal Armadores, de Ribeira, no Barbanza. O presidente de Trancoeiro é o armador galego José Manuel Argibay Pérez e o director o seu irmán Juan Antonio. 

As autoridades sitúan como outro operador do Thunder a Canela Shipping Ltd. A dirección desa armadora rexistrada na CCAMLR é a de “Jose Argibay Perez, Entrepalnta B, Calle de Cristobal Colon 44, 15960 Santa Uxia de Ribeira (La Coruna), Spain”.

Por último, Sea Sheperd lembra que a Operación Sparrow tivo por foco a Vidal Armadores, de Ribeira, e saldouse con multas de case 18 millóns. 

DEZ ANOS PARA A PRIMEIRA PROPOSTA DE SANCIÓN

As primeiras notificacións ao Tchaw de organizacións internacionais sobre pesca ilegal son de 2005. As primeiras infraccións detectadas ao Thunder son de 2006. As primeiras propostas de sancións do Ministerio chegan máis dunha década despois, en 2017.

 

Este lapso de tempoe o feito de que un dos barcos sospeitosos recale a miúdo no país, indican que os piratas galegos do mar seguen a navegar, sacando beneficios ao esquilmar o mar ilegalmente E aproveitándose da lentitude das autoridades. 

 

Unha cuestión que non é menor, dado que lastra, e moito, a imaxe de Galicia a nivel internacional. Prexudica sobre todo a maioría dos mariñeiros galegos, que si respetan as normas.

 

Un tripulanta do Sea Shepard observa o sospeitoso afundimento do Thunder
Un tripulanta do Sea Shepard observa o sospeitoso afundimento do Thunder | Fonte: Sea Shepard youtube
O Tchaw en Vigo en 2016
O Tchaw en Vigo en 2016 | Fonte: shispotting
O Tchaw en Vigo en 2014
O Tchaw en Vigo en 2014 | Fonte: shispotting
Temas: PESCA
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta