Marque e Veloso, na pelexa

O estradense Álex Marque, 4º a 35 segundos, e o arousán Gustavo Veloso, 6º a 46s, tras perder 19 segundos co líder Raúl Alarcón na ascensión ao alto de Senhora da Graça, remate da cuarta etapa da Volta a Portugal.

Por gcdeportes | Compostela | 09/08/2017 | Actualizada ás 08:16

Comparte esta noticia

Unha pequena decepción na primeira chegada en alto, a ascensión a Senhora da Graça, aínda que Álex Marque e Gustavo Veloso seguen na pelexa por gañar unha nova Volta a Portugal. No monte Farinha, venceu o líder, o español Raúl Alarcón (W52-FC Porto), que coa camisola amarela aumentou a súa vantaxe, e os dous galegos, Marque e Veloso, marcándouse de preto un ao outro, entraron en meta sexto e sétimo, a 19 segundos do vencedor.

Ao final da etapa, Marque asegurou á RTP que tiña forzas para estar diante con Raúl Alarcón, que se foi trala roda de Amaro Antunes e acompañado por Rinaldo Nocentini, pero optou por ficar marcando a Veloso, obrigado a respectar o ataque do seu compañeiro de equipo.

Na clasificación xeral, o estradense Álex Marque (Sporting-Tavira) é cuarto a 35 segundos e o arousán Gustavo Veloso (W52-FC Porto), sexto a 46 segundos do seu compañeiro Raúl Alarcón, líder que polo de agora amosouse como o máis forte, xa con dúas vitorias de etapa e 20 segundos de bonificación en meta. Este mércores, quinta etapa entre Boticas e Viana do Castelo, con 179,6 quilómetros e final no santuario Santa Lúzia, de terceira categoría.

Na mítica subida a Senhora da Graça (8,2 quilómetros e pendente media de 7,5%), Efapel puxo o ritmo no arrinque do porto e o W52-FC Porto de Veloso e Alarcón asumiu o mando na parte final para acabar de coller a escapada a dous quilómetros de meta. Alarcón aproveitou a roda de Amaro Antunes para irse pola vitoria e entrou primeiro en meta con tres segundos sobre Antunes e Rinaldo Nocentini (Sporting-Tavira). João Benta (RP-Boavista) e Vicente de Mateos (Louletano) entraron a 4 segundos, e Veloso e Marque, a 19 segundos.

Clasificación xeral:

1º Raúl Alarcón (W52-FC Porto) 18h:49:35
2º Rinaldo Nocentini (Sporting-Tavira), a 25s
3º Amaro Antunes (W52-FC Porto), a 29s
4º Álex Marque (Sporting-Tavira), a 35s
5º Vicente de Mateos (Louletano), a 43s
6º Gustavo Veloso (W52-FC Porto), a 46s
7º João Benta (RP-Boavista), a 1,25
8º Henrique Casimiro (Efapel) a 1,30
9º António Carvalho (W52-FC Porto) a 1,34
10º Sérgio Paulinho (Efapel), a1,38

Álex Marque, en pleno esforzo a piques de entrar en meta.
Álex Marque, en pleno esforzo a piques de entrar en meta. | Fonte: volta-portugal.pt

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta