Veloso, máis preto da amarela

O arousán Gustavo Veloso vence ao esprinte no alto de Santa Luzia e ponse a 36 segundos do líder, Raúl Alarcón, tras sumar dez de bonificación. Álex Marque segue 4º a 35'. Este xoves, 6ª etapa entre Braga e Fafe.

Por gcdeportes | Compostela | 10/08/2017 | Actualizada ás 08:36

Comparte esta noticia

Triunfo ao esprinte no alto de Santa Luzia e bonificación de dez segundos. E quinto na xeral, a 36 segundos, reducindo a desvantaxe co líder, o seu compañeiro de equipo no W52-FC Porto Raúl Alarcón. Tiña gañas de vitoria o arousán Gustavo Veloso, obrigado a recurtar diferenzas antes da decisiva etapa contra o reloxo, a última en Viseu de 20 quilómetros. E fíxoo impoñéndose ao esprinte en Viana do Castelo por diante de Vicente de Mateos (Louletano) e Daniel Mestre (Efapel), pechando con intelixencia a progresión dos rivais na derradeira curva. Triunfo do arousán na quinta etapa da Volta a Portugal e os favoritos que entraron todos xuntos co mesmo tempo, incluído o estradense Álex Marque. Na clasificación xeral, Marque segue cuarto a 35 segundos, e Veloso ponse quinto a 36 segundos.

Gustavo Veloso explicou na RTP a súa vitoria: “No inicio, a intençión era preparar a chegada para Raúl [Alarcón]. Pero cando estás a preparar a chegada, non podes ollar para atrás, e máis nunha chegada como esta, con curva e contra-curva, onde hai que estar sempre atento. Na curva, [Raúl] quedou un chisco mal colocado; eu apertei ao máximo e conseguín chegar primeiro sen que ninguén me pasase".

Sobre a loita pola amarela, Veloso, sempre respectuoso cos compañeiros, non ve maiores problemas: “Para o equipo está a ser unha boa Volta: temos a camisola amarela, catro vitorias de etapas e penso que non se pode correr mellor. O importante é que a camisola fique no equipo. Agora mesmo é Raúl quen a ten, é o ciclista máis forte. Imos dia a dia e se el tivese que gañar a camisola, eu vou estar a apoialo ata o último dia. Eu non vexo competitividade interna. Non competimos entre nós, competimos contra o resto dos equipos”.

Como sempre, na quinta tirada da Volta a Portugal entre Boticas a Viana do Castelo de 179,6 kms, con chegada no Santuário de Santa Luzia de 3ª categoría, o pelotón controlou a fuxida, que rematou a poucos quilómetros de meta. A tres quilómetros do final, demostración de poderío do W52-FC Porto, con Ricardo Mestre, António Carvalho e Amaro Antunes endurecendo a carreira.
Xa dentro do derradeiro quilómetro, con moitas curvas pechadas, Gustavo Veloso esprintou,  impoñéndose a De Mateos e Daniel Mestre na chegada en Viana do Castelo.

Clasificación xeral

1º Raúl Alarcón (W52-FC Porto) 23h:27.31
2º Rinaldo Nocentini (Sporting-Tavira) a 25s
3º Amaro Antunes (W52-FC Porto) a 29s
4º Álex Marque (Sporting-Tavira) a 35s
5º Gustavo Veloso (W52-FC Porto) a 36s

6º Vicente de Mateos (Louletano) a 37s
7º João Benta (RP-Boavista) a 1,25
8º Henrique Casimiro (Efapel) a 1,37s
9º António Carvalho (W52-FC Porto), a 1,38
10º Sérgio Paulinho (Efapel) a 1,45s

Veloso celebra a vi5toria tras gañar na meta de Viana do Castelo.
Veloso celebra a vi5toria tras gañar na meta de Viana do Castelo. | Fonte: volta-portugal.pt

Gustavo Veloso saúda dende o alto do podio.
Gustavo Veloso saúda dende o alto do podio. | Fonte: W52-FC Porto
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta