As feiras do libro, de novo nunha polémica cun concello das mareas

As Feiras do Libro de Galicia, organizadas pola Federación de Librarías de Galicia, volven a ser protagonistas do debate político. Agora ao fío da Feira do Libro da Coruña, como sucedera hai dous anos coa Feira do Libro de Santiago.

Por Manuel Vilas | A Coruña | 10/08/2017 | Actualizada ás 11:22

Comparte esta noticia

Así, en Compostela o Concello reduciu a súa colaboración -non lle deu a subvención doutros anos- coa tradicional Feira da Alameda, argumentando que as librarías de Compostela a penas participaban descontentas co seu modelo.  Unha editora local, Urco, chegou a cualificar o modelo da Federación de “decimonónico, opaco e caciquil” e dixo que esta entidade “non representa a ninguén”. 

Inauguración a XLVI  Feira do Libro da Coruña
Inauguración a XLVI Feira do Libro da Coruña | Fonte: @bibcoruna

A Administración local de Santiago montou este ano unha feira para as librarías e editoriais locais na Praza da Quintana, a semana do libro, a SELIC, que tivo boa acollida entre público e negocios.

TRES PROGRAMAS PARALELOS NA CORUÑA

Na Coruña, onde se está a celebrar estes días a súa Feira, o Concello apoiou aos libreiros locais para crear unha programación anexa, na “Carpa das Librarías”, paralela á da Federación. Ademais, montou unha programación propia especializada nos máis cativos, o “Xardín dos libros”. 

Ao igual que en Santiago, o municipio argumenta que os axentes locais non estaban contentos coa tradicional Feira. Así, o concelleiro de Culturas do Concello da Coruña, José Manuel Sande, xustificou que se abrise  "un proceso participativo con libreiros da cidade" ante á "desconformidade por como se executaba estes últimos anos por parte da Federación a feira".

Presentación da Semana do Libro de Compostela no Concello
Presentación da Semana do Libro de Compostela no Concello

Na súa opinión, o modelo xestionado pola Federación está “esgotado” polo que se aumentou o investimento, por exemplo programando un espazo infantil integramente en galego. 

A libreira herculina, Ermitas Valencia, explica en Sermos que "desde finais do ano pasado viñámonos reunindo un grupo bastante amplo de librarías da Coruña nas que todo o mundo avaliaba negativamente a feira do libro que se facía sempre e na que a maioría de nós non participabamos porque non nos convencía o funcionamento".

Ese descontento concretouse na organización dunha programación propia apoiada polo Concello. Federación de Libreiros e municipio cúlpanse mutuamente de descordinación nas programacións.

Funcionou o modelo de varias programacións ao mesmo tempo? Está por ver a valoración final no que máis importa, a afluencia de público e vendas. O que é evidente xa é que xerou opinións encontradas.

O PRESIDENTE DOS EDITORES, CRÍTICO CO CONCELLO E A FEDERACIÓN

Manuel Bragado, presidente dos editores galegos, fixo público o seu “descontento”. O tamén responsábel de xerais aplaude que o Concello invista máis e dea espazo propio aos negocios locais; pero tíralle das orellas á Administración porque “creo a todas luces fóra de lugar é preparar nunha mesma feira dous programas distintos de actividades e arranxar dous espazos (a lata e a carpa) con moi diferente dotación de medios e comodidades, tanto para os oradores como para o público”. Bragado tamén é crítico co modelo de feiras da Federación de Librerías e pide a súa refundación coa colaboración de todos os axentes.

Son varios os escritores galegos que usaron as redes sociais e as súas bitácoras para mostrar o seu descontento co modelo deste ano na Coruña, ao que acusan de restar protagonismo á produción do país.

A Federación de Libreiros recibe anualmente unha subvención da Xunta de Galicia para as feiras que monta en diversas vilas e localidades. 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 16 comentarios

2 anonimo

Pero sempre se pode aprender. Deixo enlace por se pasa por aquí algúns dos responsables do evento ou asesores: https://www.lavozdegalicia.es/notic...

1 Exnenadetresanos

Pasen e vexan outro exemplo de xestión abraiante! http://elirios.blogaliza.org/eli.ri... http://letraenobras.com/2017/08/fei... Nostrus, calquera día xa te vexo pasándote ás Mareas... Ao fin en cuestións lingüísticas ao mellor non estades tan separados e fíxate que estes fagan o que fagan teñen votos... Polo momento...