O PSOE de Coristanco delega na agrupación provincial o futuro da moción tras non apoiala a executiva

O seu secretario xeral nega un apoio maioritario da militancia e o concelleiro socialista di que se presenta polo "pobo"

A CORUÑA | 11/08/2017 | Actualizada ás 13:16 por EUROPA PRESS

Comparte esta noticia

O secretario xeral da Agrupación Local do PSOE en Coristanco (A Coruña), Aurelio Sánchez, vinculou o futuro da moción de censura presentada neste municipio polo único concelleiro socialista ás decisións que adopte a agrupación provincial despois de que a súa executiva non a apoiase.

Así o confirmaron a Europa Press fontes do partido despois de que, a última hora da tarde deste xoves a executiva provincial celebrase unha reunión extraordinaria para abordar a situación en Coristanco.

Desde a agrupación provincial socialista non quixeron facer valoracións e remitíronse a un comunicado que farán público no transcurso do día. Unicamente, fontes do partido ratificaron que a executiva non apoiou a moción e que pediu a súa retirada.

REACCIÓNS NO PSOE LOCAL

Mentres, Aurelio Sánchez negou que a Agrupación Local do PSOE de Coristanco votase, maioritariamente, a favor de presentar a moción. En declaracións a Europa Press, asegurou que houbo unha soa votación e que nela tres membros votaron a favor, tres en contra e que houbo unha abstención.

Ademais, explicou que houbo unha segunda reunión, coa presenza do secretario provincial dos socialistas coruñeses, Julio Sacristán, na que ao dirixente socialista "pareceulle que sería unha boa opción", engadiu sobre a moción.

Con todo, Aurelio Sánchez manifestou que, el persoalmente, votou en contra de dar este paso, aínda que admitiu a existencia de "conversacións" co PP nos últimos meses. Nelas, este grupo mostrouse disposta a dar a Alcadía ao único concelleiro socialista.

"AXUDAR Ao POBO"

Pola súa banda, o concelleiro socialista de Coristanco, Abraham Gerpe, insistiu en que a moción se presentou en base a unha "decisión da militancia", argumentado que houbo unha segunda votación "con cinco votos a favor".

Gerpe, que non é militante do PSOE, atribuíu á Agrupación Local as conversacións co PP e insistiu en que el presentou a moción seguindo a decisión desta militancia.

"Estamos a esquecer o fundamental que se fai para axudar ao pobo", recalcou sobre o paso dado para desbancar ao alcalde, Amancio Lavandeira, de Terra Galega (TeGA), que goberna con catro edís tras abandonar o executivo o edil socialista, outra concelleira de TeGA e a representante do BNG.

Algún erro? Nota editorial
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta