Un galego a polo Embrunman

O tudense Gustavo Rodríguez afronta este martes o Ironman alpino de Embrun, un dos máis esixentes do mundo, que inclúe a subida en bicicleta ao mítico Izoard, e o seu principal obxectivo da tempada. Foi terceiro na edición do 2016.

Por gcdeportes | Vigo | 12/08/2017 | Actualizada ás 16:32

Comparte esta noticia

Un dos Ironman máis esixentes do mundo. O tudense Gustavo Rodríguez (Tri-Penta Terras de Lugo) afrontará este martes a súa terceira participación na mítica proba do Embrunman. Sexto no 2015 e terceiro no 2016, este é, coma el mismo apunta, o seu “principal obxectivo da tempada”.

Gustavo Rodríguez, terceira participación no Embrunman.
Gustavo Rodríguez, terceira participación no Embrunman. | Fonte: Imanol Mujika (triatlonnoticias)

O triatleta galego, de 37 anos, leva mes e medio adestrando en altitude para preparar do mellor xeito posible esta proba, que se disputa nos Alpes, na localidade de Embrun. “Chego nun bo momento, despois de mes e medio adestrando en alto, tentando facer as cousas o mellor que sei. Este vai ser o terceiro ano consecutivo que a disputo e espero, senón mellorar, alomenos igualar o resultado do pasado ano, que fun podio. Gañar sería un soño feito realidade”.

Gustavo Rodríguez, Tavotui, é consciente de que “nunha proba tan dura, calquera pequeno percance, que nunha carreira normal sería subsanable, aquí poder ser moi grande, polo efecto bola de neve”.

Este Ironmán é especialmente esixente polo segmento da bicicleta (5.000 metros de desnivel). Despois de facer 3.800 metros nadando nun fermoso lago (Plan d’Eau), os deportistas terán por diante 190 de bicicleta moi duros polos Alpes e coa subida á cima do col'Izoard (2.360 metros) e despois, para rematar, un maratón de 42 quilómetros. Esta será a terceira vez na que Gustavo Rodríguez participa nesta proba, considerada a máis dura de todo o calendario dos Ironmán, e o pasado ano acadou a medalla de bronce.

A proba principará ás 6:00 da mañá e poderá seguirse en directo a través da web oficial da competición. No 2016, Gustavo Rodríguez, cun tempo de 9h.59:30, foi terceiro por detrás de James Cunnama (9h:35:45) e Andrej Vistica (9h:50:54). Na natación empregou 50:27, na bicicleta 6h:17:16 e no maratón estivo por debaixo das tres horas: 2h:56:52.

Gustavo Rodríguez loitará por mellorar o 3º posto do 2016.
Gustavo Rodríguez loitará por mellorar o 3º posto do 2016.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta