Veloso achégase á amarela

O arousán Gustavo Veloso, segundo no alto da Nossa Sra. da Assunção, gaña 6 segundos de bonificación e ascende ao cuarto posto da xeral, a 33 segundos do líder, Raúl Alarcón, a falla de tres etapas. Álex Marque, décimo a 2,08.

Por gcdeportes | Compostela | 13/08/2017 | Actualizada ás 08:44

Comparte esta noticia

Cada segundo conta para a vitoria na 79ª edición da Volta a Portugal. E o galego Gustavo Veloso (W52-FC Porto) apañou seis na meta do alto do Santuário da Nossa Senhora da Assunção, en Santo Tirso, final da sétima etapa.

Veloso entra en meta liderando o grupo de favoritos.
Veloso entra en meta liderando o grupo de favoritos. | Fonte: volta-portugal.com

O ciclista arousán, cada día con mellores sensacións, foi segundo ao esprinte, comandando o grupo de favoritos ao triunfo final, a 1,07 do vencedor, António Barbio (Efapel), único integrante da escapada do día que aguantou en cabeza. Por detrás de Veloso, Vicente de Mateos (Louletano), Rinaldo Nocentini (Sporting-Tavira) e o líder, Raúl Alarcón (W52-FC Porto), todos co mesmo tempo. O estradense Álex Marque entrou 11º a 1,19.

Grazas ao seu segundo posto, Gustavo Veloso sumou seis segundos de bonificación, cos que sobe á cuarta posición na clasificación xeral. Tras sete etapas e a falla de tres, o vencedor da Volta a Portugal no 2014 e 2015 está a tan só 33 segundos do seu compañeiro e líder da proba Raúl Alarcón. Entremedias, Rinaldo Nocentini, a 24', e Vicente de Mateos, a 30’. Amaro Antunes (W52-FC Porto) está a 34’, polo que os cinco primeiros da xeral están separados por apenas medio minuto. O estradende Álex Marque segue 10º, a 2,08.

Quedan tres etapas para o final da Volta. A oitava este domingo, a priori de trámite, 159,8 quilómetros entre Gondomar e Oliveira de Azeméis, e as dúas últimas e decisivas: Lousã-Guarda, con final en alto e paso pola Torre, unha subida de 27 quilómetros de categoría especial; e a etapa final contra o reloxo de 20 quilómetros con saída e chegada en Viseu.

Clasificación xeral:

1º Raúl Alarcón (W52-FC Porto) 32h:16:30
2º Rinaldo Nocentini (Sporting-Tavira) a 24s
3º Vicente de Mateos (Louletano) a 30s
4º Gustavo Veloso (W52-FC Porto) a 33s
5º Amaro Antunes (W52-FC Porto) a 34s
6º João Benta (RP-Boavista) a 1,32
7º António Carvalho (W52-FC Porto) a 1,50
8º Henrique Casimiro (Efapel) a 2,00
9º Sérgio Paulinho (Efapel) a 2,00
10º Álex Marque (Sporting-Tavira) a 2,08

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta