A imaxinación ao servizo da nosa identidade ameazada

Cando estamos a píques de conmemorarmos o 85º aniversario da celebración do Primeiro Congreso de Economía de Galicia celebrado en Lugo, agroman na na nosa memoria outros fitos históricos de importancia capital para a reconstrución da identidade galega, maltratada polos oprobiosos séculos escuros.

Por Xosé Glez. | Redondela | 22/09/2010

Comparte esta noticia

O Rexurdimento Galego, a fins do século XIX,  abre un tempo novo para Galicia marcado por iniciativas novidosas, innovadoras e imaxinativas capaces de ilusionar e mobilizar unha opinión pública adormecida. Primeiro foi o rexurdimento literario ao que lle seguiron a escenificación doutras que lle foron devolvendo a Galicia e as súas xentes a dignidade como pobo con peculiaridades diferenciadas.Máis tarde, a celebración da asemblea nacionalista celebrada en Lugo no ano 1918 definindo un proxecto de autogoberno para Galicia. E a esta habíanlle seguir outras  moitas máis.
 
A creación do Seminario de Estudos Galegos, institución modélica que dinamizou a investigación e que aglutinou á máis vizosa intelectualidade da época arredor dun proxecto modélico, decisivo para a recuperación do noso acervo cultural, deu paso á Xeración Nós, integrada por intelectuais de sólida formación, con clara vocación europeista,  moi superior á española do 27, por exemplo. Ao seu carón nacen iniciativas estimuladoras coma a dos “Ultreia”,unha entidade cultural promovida por Álvaro de las Casas, que chegou a ter dous milleiros de mozos, da que formaron parte personalidades tan relevantes como Francisco Fernández del Riego,que desempeñou o cargo de secretario xeral, Xaime Isla Couto ou Antón Beiras. Aquela sementeira deu pé a que na “longa noite de pedra” moitos aproveitasemos a súas arrequecedoras experiencias e promovésemos a mediados dos anos sesenta un número significativo de asociacións culturais que fixeron rexurdir o ideario nacionalista en amplos sectores da sociedade.

Pero foi sen dúbida o Primeiro Congreso de Economía de Galicia do ano 1925 o que quixo remover as estruturas sociais e económicas dun país ancorado na idade media. Nos seus debates participaron os investigadores e intelectuais máis lúcidos apostando por intelixentes medidas modernizadoras, nun tempo marcado pola desfeita que provocara a primeira guerra mundial, e a emigración masiva que baleirou o agro galego de homes.

A lembranza daquel congreso evócanos a constitución no Balneario de Mondariz da “Sociedad de los Amigos de Galicia”, propiciada por Enrique Peinador, Victor García Martí, Ramón Cabanillas e o outro Ramón, noutrora distante co galeguismo, Ramón del Valle Inclán. Isto acontecía tamén o 30 de agosto de 1925. A sociedade recén creada propúñase como obxectivo a defensa do noso patrimonio entendido nun senso amplo nas súas vertentes hitórico-artísticas, museística e documental, que os medios de comunicación nacionalista de entón louvaron, porque a presenza de Cabanillas e Peinador  era garantía de autenticidade dos propósitos da proposta cultural.

Oitenta e cinco anos despois, a Fundación Peña Novo e Asociación Álvaro da Casas dispóñense a celebrar unha xornada de reflexión sobre o patrimonio cultural de Galicia. Esta faise coincidir  cos debates que con toda probabilidade principiarán en sede parlamentaria para a promulgación dunha nova lei que regule a protección do noso patrimonio cultural, material e inmaterial. Mondariz-Balneario é, por dereito propio, o lugar indicado para eses debates, porque aquí forxáronse moitísimas iniciativas do gale-guismo da preguerra.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA