CCOO reitéralle á Xunta o seu rexeitamento á apertura comercial os domingos e festivos

O sindicato entende que a medida non beneficia o emprego xa que a prolongación dos horarios faise a conta de "precarizar o traballo existente".

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 17/08/2017 | Actualizada ás 12:03

Comparte esta noticia

O sindicato CCOO transmitiu á Xunta de Galicia o seu rexeitamento á apertura comercial en domingos e festivos, ao entender que a medida non beneficia o emprego, porque a prolongación dos horarios faise a conta de "precarizar o traballo existente" e non mediante a contratación de máis persoas.

Comercio.
Comercio.

Desde o sindicato explícase que, como cada ano, a Xunta de Galicia, en cumprimento da Lei de horarios comerciais, solicitou aos sindicatos que presentasen unha relación de dez domingos e festivos de posible apertura comercial. Pero a Federación de Servizos de Comisións Obreiras reiterou á Xunta o seu rexeitamento ao considerar que o horario habitual abastece "suficientemente" as necesidades da poboación e dos negocios.

Para CCOO, a apertura en domingos e festivos "fomenta unha loita desigual" entre o pequeno comercio de proximidade e as grandes superficies que, ao seu xuízo, serían as "grandes beneficiadas".

Ademais, a medida non beneficiaría ao emprego, segundo o sindicato, que afirma que "nada substancial" mudou nos últimos anos no relativo á contratación, porque a prolongación dos horarios "faise á conta de precarizar o traballo existente, non mediante a contratación de máis persoas".

CCOO lamenta que "a apertura dos comercios dez festivos ou domingos ao ano se faga en numerosos casos pola vía de incrementar de forma abusiva a xornada laboral", paralelamente ao "incremento do número de horas irregulares e da imposibilidade de conciliar a vida persoal, familiar e laboral".

Por este motivo, CCOO oponse a unha apertura comercial que sostén que potencia unha "perniciosa identificación" entre lecer e consumismo desmedido, e que contribúe a xerar un "prexuízo notorio" aos traballadores do sector.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta