A Xunta mantén conxeladas as axudas á edición de materiais didácticos en galego

O Diario Oficial de Galicia publica a resolución da convocatoria destinada a empresas do sector editorial que elaboren e editen en lingua galega recursos didácticos curriculares das ensinanzas non universitarias de Galicia. Nove editoriais repartiranse 170.000 euros, cantidade fixada nas tres últimas convocatorias.

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 17/08/2017 | Actualizada ás 13:47

Comparte esta noticia

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, por medio da Secretaría Xeral de Política Lingüística, fai pública no Diario Oficial de Galicia a Resolución do 3 de agosto pola que se conceden subvencións, en réxime de concorrencia competitiva, para a edición en lingua galega de recursos didácticos curriculares para niveis non universitarios, ao abeiro da convocatoria regulada na Orde do 10 de maio de 2017.  Con ela, preténdese potenciar a oferta de materiais educativos en galego e favorecr o tecido da industria editorial galega, cun investimento de 170.000 euros, a mesma cantidade que nos dous pasados e tan só 20.000 máis que en 2014.

Alumnos consultan libros nunha biblioteca
Alumnos consultan libros nunha biblioteca | Fonte: Xunta.

As cifras actuais quedan aínda moi lonxe das cantidades destinadas en anos anteriores. En 2013 foron 250.000 euros para este fin, un orzamento que supuxo unha diminución de 50.000 euros sobre a anterior convocatoria, e que continuaba na liña descendente destas axudas, que arrincaba en 2008 con 1,05 millóns de euros. En 2011 decidiuse a suspensión da convocatoria por problemas orzamentarios que motivara unha forte polémica. 

NOVE EDITORIAIS

En virtude da resolución destas axudas, a Consellería apoia a viabilidade de 100 propostas didácticas das 103 solicitudes que concorreron á concesión das axudas

As empresas editoriais adxudicatarias das subvencións son nove: Edicións Xerais de Galicia, Baía Edicións, Editorial Vicens Vives, Editorial Luis Vives, Edicións Obradoiro, Ediciones Don Bosco-Editorial Rodeira-Edebé, Grupo Anaya, Xerme Edicións e Servipost Editores.

Os proxectos editoriais subvencionados foron valorados en función de tres parámetros: a orixinalidade da obra, primando as de creación propia sobre as adaptacións e as traducións; a súa calidade, medindo a adecuación dos materiais didácticos ao currículo establecido en función das actividades propostas, da relación dos contidos cos intereses e coñecementos do alumnado, do tratamento dos valores democráticos, da adecuación á realidade galega, da calidade de lingua e da adaptación desta ao nivel académico do estudantado; e o feito de que se tratase de materiais curriculares destinados exclusivamente á formación profesional específica.

A través destas subvencións a Consellería de Cultura e Educación quere que garantir unha oferta de material educativo en galego no ensino regrado que sexa á vez ampla e con calidade científica e pedagóxica. Deste xeito, dáselles cumprimento ás disposicións legais establecidas no Decreto 79/2010 para o plurilingüismo no ensino non universitario de Galicia e mais na Lei 17/2006 do libro e da lectura de Galicia referentes ás obrigas da Xunta con respecto ao fomento de materiais didácticos en lingua galega para as áreas que se imparten neste idioma.

Ademais, as disposicións danlle cumprimento á recomendación do Plan xeral de normalización da lingua galega de promover materiais didácticos “en soportes diversos que fagan atractivo o proceso de aprendizaxe, que axuden a percibir a utilidade da lingua e que capaciten para o seu uso correcto e eficaz”.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Gamela

o que ninguén conta é que as editoriais seguen a facer o seu agosto ano tras ano, agora coas versións dixitais os libros seguen custando unha barbaridade Por que unha licenza anual para un libro descaragable en pdf custa 20 € e unha licenza anual para un libro navegable versión tablets 22 €uros !!! Cando o libro en papel custa 35 €uros !!! Onde están as novas tecnoloxías de Edicións Xerais de Galicia ? Santo Negocio Ora Pro Nobis !!! E a Xunta por riba COLABORA con eles... gostaríame saber canto cobran os autores do libros ??? NADA ?