Dépor, o campión como entrante

O RC Deportivo, que poderá contar co seu único dianteiro, Florin Andone, principia a súa participación na Liga 2017-18 recibindo no estadio Abanca-Riazor o Real Madrid (22.15h). “Quero un Dépor serio, que compita”, avisa Pepe Mel.

Por gcdeportes | A Coruña | 20/08/2017 | Actualizada ás 08:51

Comparte esta noticia

O actual campión de Liga e de Europa, e xa con dúas Supercopas no peto esta campaña, como entrante na Liga 2017-18. O RC Deportivo arrinca a competición oficial no estadio Abanca-Riazor fronte ao todopoderoso Real Madrid (22.15 horas), un encontro de máxima esixencia para tentar puntuar na primeira cita. “Sabes o que significaría gañarlle un só punto ao Real Madrid de autoestima para todo o club, de autoestima para todos nós. E unha mensaxe de que este Dépor vai en serio na Liga”, sostén Pepe Mel, que pide aos seus xogadores “un Dépor serio, que compita, que xenere ocasións”.

O Dépor realizou o último adestramento en Riazor.
O Dépor realizou o último adestramento en Riazor. | Fonte: @RCDeportivo

As baixas de Fede Valverde (a chamada cláusula do medo), Emre Çolak (sancionado) e Carles Gil (mancado) reducen as alternativas branquiazuis e condicionan a aliñación do técnico madrileño, que en troques poderá contar co seu único dianteiro, o romanés Florin Andone, malia as molestias que padeceu esta semana. En principio, haberá tres novidades no once inicial con respecto ao curso pasado: o central suízo Fabian Schär e os extremos Fede Cartabia e Bakkali, e o técnico deportivista apostará por tres medios centros con Guilherme, Pedro Mosquera e Celso Borges. O coruñés Rubén Martínez estará na portaría e Juanfran, Sidnei e Luisinho acompañarán a Schär na defensa. No banco, Tyton, Navarro, Arribas, Borja Valle, Bruno Gama, Edu Expósito e Adrián López, o último en chegar, completan a lista de 18. No outro bando, o equipo de Zinedine Zidane chega sen Cristiano Ronaldo, segundo dos cinco partidos de sanción, e Kovacic, pero co arsenal a desbordar: Kroos, Modric, Isco, Bale, Asensio...

O adestrador branquiazul, que lembra que o rival chega con tres partidos oficiais e competindo ao máximo nivel, sabe das dificultades do partido, pero agarda que os seus xogadores aporten “traballo e ilusión” para competir, e que a afección marche satisfeita para casa. "Quero que cando remate o partido, a xente síntase orgullosa do equipo, aínda que perda. Estou seguro que se a xente vaise orgullosa do equipo, non imos perder". Entende Pepe Mel que, máis aló do resultado, importa que o equipo deixe unha boa imaxe neste arrinque da Liga, na que o Dépor aspira a non pasar os apuros de anos anteriores para salvarse. A vindeira cita do Dépor, será o sábado, coa visita ao Levante.

Pepe Mel quere 'un Dépor serio, que compita', fronte ao Real Madrid.
Pepe Mel quere 'un Dépor serio, que compita', fronte ao Real Madrid. | Fonte: @RCDeportivo
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta