A ‘Coz’ do galego

As abondastes axudas económicas que recibe La Voz de Galicia dende a Xunta parecen non ser suficientes para deixar de mofarse dos lectores co seu tradutor automático para a edición dixital en galego.

Por Alberto Quian | Madrid | 29/09/2010

Comparte esta noticia

Son cada vez máis os galegos que coñecen á Voz de Coruña da Xunta de Caixa Galicia de Galicia como a ‘Coz’ de Galicia (en castelán) pola súa liña editorial, mais tamén por estragar a nosa lingua, deixándoa en mans dun maltratador tradutor automático que nos deixa titulares inintelixibles coma este (saliento tipográficamente os erros, que tamén podedes ver na captura de pantalla que acompaña a este texto): “Vos bilingües medran en Galicia e caen vos que só exprénsase en galego” (¡?).

None

Nestes tempos escuros para o noso idioma, estamos asistindo ao esmorecemento dos medios de información en galego, a piques de esvaerse por mor dun paradoxo sistema de subvencións a dedo e endémico, polo que os medios en galego son os que menos ou nada reciben e os castelanistas, coa ‘Coz’ de Galicia á cabeza, perciben abundantes axudas económicas por ignorar e darlle couces a nosa lingua.

A edición dixital en galego da ‘Coz’ de Galicia é unha mofa e desprezo aos lectores e a nosa lingua. Ben faría Santiago Rey Fernández-Latorrre en desfacerse do inoperante tradutor automático e contratar a xornalistas e/ou tradutores. Eu ofrézome a axudarlle a deixar de face-lo ridículo e a xustificar os cartos que percibe da Xunta polo emprego do galego.

Teño que dicir que nestes días estou rematando a construción e deseño da nova páxina web de AGARESO (Asociación Galega de Reporteiros Solidarios), que estrearemos nos vindeiros días. Como responsable da área dixital da ONGD e da construción da nova web, unha das miñas principais teimas foi facer unha páxina bilingüe, galego-castelán. Era parte das esixencias que ten unha ONGD cun marcado ADN galego, pero que tamén traballa no exterior con persoas e colectivos castelanfalantes que descoñecen a nosa lingua e que son parte do noso target. Ben, pois negueime a aplicar un sistema de tradución automático dos contidos, ben fose galego-castelán ou castelán-galego. A tradución da web, de toda a web, é manual: menús, categorías, módulos, tags (etiquetas), textos… Isto suponme un gran esforzo nesta fase previa de artellamento da páxina e tamén suporá un importante esforzo na xestión e edición dos contidos, mais o esforzo paga a pena. Os que traballamos coas palabras temos a obriga de coidalas e de estimalas.

No caso da ‘Coz’ do galego —cuns recursos técnicos e económicos envexables para AGARESO—, son moitos os exemplos das súas corrupcións lingüísticas que circulan entre os seus lectores e non lectores e que nos fixeron rir a esgalla. Mais eu, xornalista que vexo con pesadume a desaparición dos medios en galego e a destrución de emprego no meu sector, xa non escacho da risa cando vexo o menosprezo da ‘Coz’ ao noso idioma; eu denuncio o maltrato ao que somete a ‘Coz’ ao galego.

http://www.galiciaconfidencial.com/ficheros/2010_9_25_3275.jpg

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Alberto Quian Doutor en Investigación en Medios de Comunicación, Premio Extraordinario de Doutorado 2015-2016 e profesor de Xornalismo na Universidad Carlos III de Madrid. Naceu en Vigo o 7 de agosto de 1976. No ano 2000 comezou a súa carreira como xornalista en Faro de Vigo, ata que en 2008 deu un xiro co Posgrao en Xornalismo Dixital da Universitat Oberta de Catalunya (UOC). Dende entón desenvolve o seu traballo no eido dixital como especialista e investigador. Coa súa tese especializouse en ética e cultura hacker. É responsable de Redes Sociais e da área de Ciencia de Galicia Confidencial, labor que compaxina coa súa labor como investigador e con traballos para distintas empresas públicas e privadas no eido dixital e en medios tradicionais. Twitter: @AlbertoQuian. Autor do libro: 'El impacto mediático y político de WikiLeaks'.