Gonzalo Caballero: “Eu nunca vivín da política”

Gonzalo Caballero (Ponteareas, 1975) presenta nesta entrevista as súas credencias para liderar o socialismo galego.

Por Manuel Vilas | Vigo | 21/08/2017 | Actualizada ás 08:00

Comparte esta noticia

Un dos tres candidatos ás primarias, doutor e profesor titular de Economía Aplicada na Universidade de Vigo, defende que o PSdeG necesita “un cambio real” e “novos referentes” máis próximos á militancia, capaces de liderar un “proxecto de esquerdas, socialista e galeguista” para botar a Feijóo. Os posíbeis pactos, o chío do partido a favor dun dos seus rivais e a súa relación co seu tío, o alcalde de Vigo, son outros dos puntos desta conversa.

Leiceaga, Gonzalo Caballero e Villoslada, candidatos a liderar o PSdeG
Leiceaga, Gonzalo Caballero e Villoslada, candidatos a liderar o PSdeG | Fonte: Ser-Galicia

Os tres pre-candidatos que hai polo de agora sitúanse na órbita do "sanchismo", pois mostráronse a favor no seu día no retorno de Pedro Sánchez ao liderado do PSOE. Daquela, en que se diferencia vostede dos outros dous?
Evidentemente traballei de forma pública e notoria na campaña de Pedro Sánchez en Galicia, participando activamente nos seus actos, porque crín que era necesario que os militantes de base rectificasen a liña establecida polos baróns do partido. Houbo dúas leccións: o PSOE está na esquerda e é alternativa ao PP, e as elites do partido deben respectar o voto da militancia nas primarias. A partir de ahí creo que o PSdeG necesita un cambio, cun novo proxecto e novos referentes e  para iso o protagonismo debe estar na militancia de base, que co seu voto en primarias pode abrir esa nova etapa. Levo máis de 22 anos de militancia socialista, participando nos debates e na vida política do partido e do país e creo que no PSdeG hai que optar polo cambio. Por un cambio real, non tutelado, con referentes que teñan a forza de facelo e de fortalecer o partido. Os militantes deben pensar cal é a mellor opción para abrir unha etapa de futuro no socialismo galego que sirva para facerlle fronte a Feijóo e as súas políticas.

Como cre Gonzalo Caballero que deben ser as relacións do PSdeG coas mareas a nivel municipal?

Neste momento o que nos corresponde é renovar as ideas e o proxecto do PSdeG, e iso hai que inicialo no congreso de outubro. Unha vez teñamos o proxecto reformulado en cada convocatoria electoral haberá que establecer as estratexias de acción política, que incluirá o diálogo con outras forzas pero sempre deixando claro que os socialistas somos a esquerda do país e que somos imprescindibles para constituir unha maioría social de progreso alternativa ao PP. Nestes momentos os socialistas podemos abrir un novo ciclo político expansivo que permita recuperar o noso electorado, tal como amosa a recente enquisa do CIS. O PSOE se consolida como alternativa ao PP e iso é relevante para os que queremos retirar á dereita dos gobernos da Xunta e do Estado.

Que valoración fai do apoio concedido até o de agora en cidades como Santiago ou A Coruña?

Gonzalo Caballero presenta su candidatura a secretario general del PSdeG
Gonzalo Caballero presenta su candidatura a secretario general del PSdeG

Teremos que facer unha lectura das experiencias municipais adaptada as novas circunstancias dun novo tempo político. Imos centrar o esforzo no noso proxecto, que será tamén determinante das ideas e dos programas relevantes para os concellos, e en función do mesmo estableceremos as estratexias oportunas para os ámbitos urbanos galegos. Un PSdeG fortalecido e renovado nos fará chegar con máis forza ás eleccións municipais.  

A pasada semana, en Twitter, publicouse unha entrada nesta rede social na que o PSdeG se fai eco dunha mensaxe do tamén precandidato a liderar o partido Juan Díaz Villoslada. Parécelle creible a explicación de que foi un "erro". Cree que Villoslada é un candidato apoiado pola xestora do PSdeG?

A comisión xestora debería garantir unha neutralidade exquisita e is é o que está en cuestión, non tanto polo erro en si, senón polo que parece amosar ese erro, que é unha vinculación cunha determinada candidatura. Temos a recente experiencia da comisión xestora federal que estaba decantada por unha candidata, e os militantes apoiaron de forma rotunda ao candidato non apoiado polo aparato, Pedro Sánchez. A militancia quere un cambio no PSdeG e non se vai deixar levar polas operacións deseñadas polo aparato. Haberá que tomar as medidas necesarias para rectificar e garantir a igualdade de oportunidades e a neutralidade.

Vostede declarou ao comezo da campaña que "non podemos cometer erros caendo en operacións deseñadas por baróns que xa fracasaron noutros momentos desde que perdemos o goberno da Xunta". Entende pois tamén que Leiceaga é un candidato apoiado polo aparato de partido?

O que teño claro é que o proxecto que eu impulso quere darlle o protagonismo á militancia, porque creo que é a militancia de base a que pode propiciar o cambio necesario no socialismo galego, un cambio real, sin tutelas, mentres o aparato é máis reacio ao cambio. O socialismo galego non foi quen de acadar una solución política para recuperar un goberno de progreso en Galicia desde 2009, e agora toca decidir entre cambio e máis do mesmo, entre o impulso da militancia e a operación de deseño plantexada desde arriba. Creo que se entende o que plantexo e que cada quen interprete ou poña os nomes que considere.

Nesta situación estratéxica, que posibilidades reais cre vostede que hai dun pacto con algún dos outros dos precandidatos? Que condicións sería imprescindibles para que se producise? Villoslada xa dixo que os tres teñen máis concidencias que diferencias ... coincide con esta afirmación?

No mes de xullo anunciei que estaba disposto a dar un paso adiante e pouco despois empecei a recorrer as agrupacións do PSdeG para escoitar á militancia. Non sabemos todavía cantos candidatos haberá finalmente e polo tanto non podo entrar a falar de acordos. O meu plantexamento é apostar pola renovación do proxecto, por incorporar novos referentes, por fortalecer o partido, e eso implica abrir o partido e favorecer a participación. Necesitamos un novo PSdeG para confrontar nas ideas, nas propostas e na xestión coa dereita. Trátase de convencer á cidadanía de que Galicia necesita unha maioría electoral distinta. A partir de ahí cada militante socialista entenderá as diferencias entre as distintas opcións, tamén en función da traxectoria de cada un dos candidatos.  

Non temo que o seu enfrontamento co seu tío, o alcalde de Vigo, Abel Caballero, o "barón" máis importante do PSdeG e presidente dos concellos españois lle reste posibilidades? Como sería a convivencia entre vostedes no caso de saír vostede elixido?

Desde a victoria de Pedro Sánchez hai un novo tempo no PSOE no que a figura das baronías ten que ser superado polo impulso da militancia, e xa vimos como os baróns non foron quen de impoñer as súas teses nas primarias. Polo tanto hai que entender o novo ciclo político e a nova forma de impulsar as decisións na organización. O alcalde de Vigo ten unha adicación intensa á xestión municipal e conta co meu respecto ao seu espacio político, pero retirar democráticamente a Feijoo e ao PP do goberno da Xunta é unha prioridade para todos os socialistas galegos, e tamén para a maioría de esquerdas da cidade de Vigo. E a iso ao que me quero adicar. No novo tempo político as bases marcarán a folla de ruta e darán a lexitimidade para elaborar un proxecto de esquerdas, socialista e galeguista.  

Vostede ten só, se non me equivoco, só 41 anos …  

Teño 42 anos e levo máis de vinte militando no socialismo galego de forma activa e participativa. 

Aínda que posúe unha amplia traxectoria na universidade, é profesor titular de Economía na Universidade de Vigo, o seu periplo institucional limítase a ser concelleiro en Vigo hai bastantes anos. Así as cousas, esta mocidade cre que é un lastre ou unha baza ao seu favor? Por que?

Fun efectivamente concelleiro en Vigo e son membro do Comité Nacional do PSdeG e do Comité Federal. Eu entendo a política como compromiso e como participación, pero é certo que nunca vivín da política e que a miña actividade laboral centrouse na no ámbito profesional, con adicación intensa a asuntos como a política económica ou as institucións públicas ou os recursos naturais. Participei en moitos debates do PSOE nos últimos tempos, cando os altos cargos crían que o PSOE seís iba a recuperar simplemente concentrando o poder, máis esto non foi así. Desgraciadamente naqueles momentos non fomos quen de convencer á organización de que había que endereitar o rumbo, corrixir erros, abrir o partido, e os resultados os coñecemos. Pero agora a militancia é consciente de que hai que cambiar e penso que isto vai impulsar unha nova etapa do socialismo galego. É un momento importante porque co voto dos once mil socialistas galegos decidiremos se abrimos unha nova etapa que nos permita recuperar espacio electoral e derrotar á dereita. Creo que agora toca cambio no PSdeG, e creo que o partido require novos referentes que impulsen o proceso, aínda que acompañados de toda a experiencia política que temos. A cidadanía valora que xente cunha vida profesional propia, que nunca usou atallos, estea disposta a se incorporar temporalmente ao proceso de rexeneración da vida política, e especificamente a impulsar e renovar o socialismo galego.   

O exconcejal do PSOE en Vigo e líder do sector crítico local, Gonzalo Caballero
O exconcejal do PSOE en Vigo e líder do sector crítico local, Gonzalo Caballero
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 8 comentarios

3 anonimo

Dos tres, o candidato que máis me gusta. Como está o nivel...

1 Sancho Panza

Jajaja Totalmente dacordo Para que Feijóo arrase xa di o nivel do resto

2 Fada-lobo

Gonzalo é un bo candidato xa que polo menos é ben visto polas bases máis progresistas do seu partido. Os outros dous serían bos candidatos ás alcaldías das súas cidades. De feito estou convencida de que Compostela non podería atopar mellor rexedor ca Leiceaga que ten unha moi acreditada traxectoria coma bo xestor ademais de ser un home culto.

3 Fada-lobo

E con Leiceaga sempre nos podería caer algunha esmola aos que servimos ao BNG, todo polo suicidio para ben do PsoEspañol, pois agora estamos na seca. Tanto sacrificio esixe recompensa. Adiante Leicega, que tan ben soupo irse do BNG para engrandecer o PSOE e agora vai combater as terribles Mareas que asolan Compostela. E larga vida a Caballero o Vello (Abel)!

2 2rq6

Filias e fobias personais aparte, ten máis razón cun sarte. Ou o PSdeG dá un xiro á esquerda e ao galeguismo, competindo coas mareas, ou o partido reducirase paulatinamente até ser a terceira ou cuarta forza, sobre todo nas cidades.

1 Failde

Que se reduza, mingue, esfarele e desaparezca o PSOE non é malo, todo o contrario, sería óptimo para os galegos a liquidación total dos sistémicos PPsoE e comparsas (desde Ciudadanos a PcE e Podemos). E, de paso, por pedir, que no BNG fixeran limpieza xeneralizada e nas Mareas retirasen os vividores do unto. Utopía? Non, decencia na política galega!

1 Argonauta

Outro que di una cousa e logo fai outra...como a maioria dos sociolistos.....de Esquerdas (mais ben de "coña", diría eu....); Galeguista (de boquilla para afora...se se terciare e dese votos, tamén ou só Españolista) e o de Socialista xa é para por-se a me xar e non botar nin pinga....

1 Felipe González

Si este home parece honesto, pero galeguista...