Por Galicia Confidencial | Pontevedra | 21/08/2017 | Actualizada ás 11:30
A recente aprobación da modificación da normativa que regula a realización de cortas de madeira por parte da Consellaría de Medio Rural ten provocado grandes críticas entre diferentes sectores. O último, a Asemblea contra a Eucaliptización que denuncia que a Xunta acelerou os permisos de cortas de eucaliptos para favorecer a multinacionais, nomeadamente, Portucel (The Navigator Company).
Neste sentido, critica que se teña renunciado á diversificación forestal, produtiva e industrial, para apoiar a especialización a través da expansión da celulosa e o eucalipto, "a costa das nosas paisaxes e da nosa economía". Por iso, denuncia que a nova normativa de Medio Rural "será unha patente de corso para seguir coa eucaliptización na maioría do territorio".
Por iso, insiste en que, logo da traxedia acontecida en Portugal, hai que impulsar medidas preventivas que reduzan a velocidade de propagación dos lumes e que contribúan a unha protección efectiva da poboación. "E unha desas medidas non pode ser outra que a xestión da biomasa forestal nas faixas de protección de estradas, vías de comunicación e núcleos de poboación, eliminando arborado altamente combustíbel, é dicir, eucaliptos, piñeiros e acácias", indica nun comunicado.
Proposta
A Asemblea contra a Eucaliptización avoga por unha nova definición das faixas de protección e xestión de biomasa, ampliándoa a un mínimo de 50m como establecía o decreto 105/2006 e a Lei 3/2007 de prevención e defensa contra incendios e particularizándoa en función da orografía e patrón meteorolóxico dominante en cada distrito forestal. Segundo a súa proposta, este programa establecería un prazo de 6 meses para a declaración ou solicitude de corta de piñeiros e eucaliptos por parte da propriedade dos prédios afectados. Transcorridos eses 6 meses, aqueles prédios nos que a propriedade non teña entregada a declaración ou solicitude de corta, configurararán o “Rexistro de terreos sometidos a xestión de biomasa”, incluidos de forma transitoria no Banco de Terras.
Esta entidade cre que, co apoio á renovación da concesión a ENCE e co posíbel impulso ás operacións silvícolas de Portucel, a Xunta revela que o seu plan forestal "se reduce, simplemente, a seguir apoiando a eucaliptización do país".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.