Por Galicia Confidencial | Pontevedra | 21/08/2017 | Actualizada ás 13:59
O carballo de Santa Margarida, en Mourente, non é un carballo calquera. É parte da cultura popular, e tamén relixiosa, desta parroquia de Pontevedra. Atópase no adro da igrexa e algúns veciños din que ten máis de 500 anos. De feito, o carballo xa foi recollido nunha cantiga popular por Sarmiento en 1746.
Esta árbore senlleira atópase en perigo. Leva anos en situación precaria e tivo que ser unha traxedia a que provocara que as catro administracións das que depende (Xunta, Concello de Pontevedra, Deputación de Pontevedra e Igrexa) aproximaran posicións para tentar recuperala e poñela en valor.
A decisión chega logo da mortes de trece persoas e máis de medio cento de feridos que ocasionou a caída dunha árbore bicentenaria entre os asistentes a unha romaría relixiosa en Madeira. A caída dunha galla de grandes dimensións do carballo de Santa Margarida o pasado 31 de xullo provocou que as administracións tomaran medidas para evitar unha traxedia similar.
Críticas
Anova Terra, comuneiros de Mourente e os veciños de Santa Margarida xa tiñan protestado polo estado lamentable no que se atopaba este carballo e reclamaron que se activara o plan de recuperación. Un plan que foi presentado o pasado verán polos concelleiros de Pontevedra Luís Bará e Alberto Oubiña cunha consignación orzamentaria de 200.000 euros da deputación e do Concello de Pontevedra.
Un plan que non se puxo en marcha, segundo o concello, por un "conflito de competencias" entre o Concello de Pontevedra, Deputación Provincial, Xunta de Galicia e a Igrexa, a través do Arcebispado de Santiago. E iso a pesar de que o carballo está catalogado como árbore senllleira pola Xunta de Galicia e considerado como un ben cultural.
Segundo este proxecto, o carballo require de medidas botánicas e arquitectónicas. As primeiras corresponderán aos técnicos da Estación Fitopatológica de Areeiro cunha poda selectiva das gallas. En canto ás medidas arquitectónicas, o concello propón levantar o pavimentado de formigón de hai máis de 40 anos e repor un perímetro de terra menos lesivo para as raíces da árbore. En cambio non se cuestiona pechar o tráfico da estrada contigua, como piden os ecoloxistas, senón construír unha especie de plataforma única para reducir a velocidade dos vehículos que circulen por alí.
"Imos dar un prazo prudencial para iso. Pero se as Administracións non se moven, sobre todo a Consellería de Medio Ambiente e ou Arcebispado de Santiago, iniciaremos mobilizacións, recollida de firmas e mesmo crearemos un comité de defensa do carballo", advertiron os comuneiros de Mourente.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.