Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 21/08/2017 | Actualizada ás 14:12
O Diario Oficial de Galicia (DOG) publicou este luns a orde da Consellería de Educación pola que se aproban os concertos educativos para o período dos próximos seis cursos, desde 2017-2018 ata 2022-2023.
Así, para o curso 2017-2018 haberá un incremento de 21 unidades concertadas respecto ao exercicio anterior ata un total de 3.913, que dan servizo educativo a 86.000 estudantes en centros privados de educación infantil, primaria, secundaria, especial e formación profesional.
Entre eles mantéñense os concertos con colexios que separan por sexo de Fomento de Centros de Ensino, titular dos colexios Montespiño, Peñarredonda, Montecastelo e Las Acacias.
Segundo sinala a Xunta nun comunicado, desde a chegada do PPdeG ao Executivo galego en 2009 o número de unidades concertadas incrementáronse en 77, o que confrotan cun aumento de 213 durante a etapa do bipartito.
Os concertos que se aproban teñen unha vixencia máxima de seis anos --amplíase o período tras a Lomce respecto do catro anos que había anteriormente--, abertos a modificacións que se poidan producir durante este prazo en función das necesidades de cada curso. O ensino concertado supón ao redor do 25% das prazas de escolarización en Galicia. O orzamento destinado supón ao redor do 11% da Consellería de Educación.
Críticas
O PSdeG e a CIG criticaron á Xunta por "blindar" os concertos con centros que separan por sexo. Así, os socialistas denunciaron que esta decisión "vai en contra do establecido na Constitución para o ensino" e está "financiado con fondos públicos".
Nun comunicado, o portavoz de Educación do Grupo Socialista, Luís Álvarez, censurou que, a pesar de que o PP se ampare na Lei orgánica para a mellora da calidade educativa (Lomce), "a realidade é que non está fundamentado en ningún criterio pedagóxico que sosteña desde un punto de vista científico".
Pola súa banda, a CIG censurou que o Goberno do PP "está disposto a favorecer a determinados tipos de centros, publicamente vinculados co Opus Dei" con concertos que "se mantiveron de forma contraria á lei no seu momento".
Así, a CIG sinala que a Xunta mantén os concertos cos seguintes centros que separan alumnado: CPR Aloia, CPR LAs Acacias, CPR Montecastelo, CPR Montespiño e CPR Peñarredonda.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.