Cales son os libros en galego do vindeiro outono?

Luns de Eli Ríos, O neno mariñeiro de Bernardino Graña e A hora des espertarmos xuntos de Kirmen Uribe son algunhas das obras do Outono Literario 2017 de Xerais.

Por Galicia Confidencial | Vigo | 22/08/2017 | Actualizada ás 09:00

Comparte esta noticia

Xerais prepara o outono literario 2017 cun catálogo de libros para públicos diversos. Así, na colección Xerais Narrativa a comezos de setembro publicarase as novelas Luns de Eli Ríos, Premio Torrente Ballester de Narrativa en Lingua Galega 2016, O neno mariñeiro de Bernardino Graña e A hora des espertarmos xuntos de Kirmen Uribe, traducido do éuscaro por Isaac Xubín, Premio da Crítica de narrativa en éuscaro 2016.

Tamén en setembro chegarán as librarías o ensaio Rosalía de Castro e o poder sexual de María Xosé Queizán e Suite Artabria de Manuel Lourenzo, obra gañadora do XXIII Premio Álvaro Cunqueiro de textos teatrais 2016. En outubro as librarías terán as novelas A arte de trobar de Santiago Lopo, gañadora do Premio Xerais 2017, e A raíña das velutinas de Lionel Rexes, Premio de novela curta Manuel Lueiro Rey 2016.  Así como as edicións en galego e castelán de Cociña galega tradicional de Matilde Felpeto.

Oferta infantil e xuvenil

Xerais tamén incrementará a oferta infantil e xuvenil de comezos do outono. Así, a comezos de setembro aparecerán na colección Sopa de Libros A señorita Bubble  de Ledicia Costas, ilustrado por Andrés Meixide, e O segredo do avó de Carles Cano, ilustrado por Federico Delicado, Premio Lazarillo de literatura infantil 2016. No mesmo mes publicaranse a novela xuvenil Nemo. O xigante de pedra de David Morosinotto, traducida por María Seisdedos, e O valo de Carlos Labraña, ilustrado por Nuria Díaz, Premio Manuel María de literatura dramática infantil 2016.

Na colección Merlín aparecerá no mes de outubro Muriel de María Canosa, ilustrado por Lucía Cobo, novela gañadora do Premio Merlín de literatura infantil 2017, así como a noveliña A batalla da pequena Chañan Curi Coca de Rosa Aneiros, ilustrada por Almudena Aparicio. Mentres que na colección Fóra de Xogo publicarase Ceiba de Luz, a novela de Manuel Lourenzo González gañadora do Premio Jules Verne de literatura xuvenil 2017. Tamén no mesmo de outubro publicaranse tres álbums dirixidos a primeiros lectores: Violeta quere ser vampiro. Conto de Samaín de Ramón Domínguez e David Sierra, Cincenta e a zapatilla peluda e Brancaneves e os 77 ananiños, ambos os dous de Davide Cali, ilustrados por Raphaelle Barbanegre.

En outubro aparecerán tamén Astérix en Italia,  novo álbum escrito por Jean-Yves Ferri e debuxado por Didier Conrad, que continúa a serie dos personaxes creados por René Goscinny e Albert Uderzo. Por último, publicarase en outubro De viaxe polo mundo, un libro de coñecemento xeográfico e cultural dirixido a lectorado autónomo, escrito Por Pablo Aranda e ilustrado Ximena Maier.

Libros de Xerais
Libros de Xerais

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 3 comentarios

3 Afíaculleres

A sutil diferenza entre ter unha boa obra escrita e ter unha boa editorial detrás.

2 pacodachadrexa

Moi bonita a publireportaxe. Parabéns. Faltouvos pórlle o cartel de PUBLICIDADE alí enriba

1 Poismoibenpoisadeus

Diversidade editorial a esgalla