Imputados tres homes e dúas mulleres por cinco incendios nas provincias da Coruña e Ourense

Axentes da Policía Autonómica imputaron a tres homes e a dúas mulleres en relación a cinco incendios forestais rexistrados nos municipios de San Cibrao das Viñas (Ourense), Ames, Santiago de Compostela e Ribeira.

SANTIAGO DE COMPOSTELA | 21/08/2017 | Actualizada ás 18:46 por EUROPA PRESS

Comparte esta noticia

Axentes da Policía Autonómica imputaron a tres homes e a dúas mulleres en relación a cinco incendios forestais rexistrados nos municipios de San Cibrao das Viñas (Ourense), Ames, Santiago de Compostela e Ribeira.

En primeiro lugar, segundo informou a Vicepresidencia da Xunta, a policía imputou a un home como presunto autor dun incendio orixinado o pasado 8 de agosto no lugar de Currás, na parroquia de Gargantós, no municipio de San Cibrao das Viñas. O lume afectou a unha superficie rasa de 0,12 hectáreas.

As lapas orixináronse cando o investigado facía traballos de soldadura do peche dunha leira e saltou unha partícula incandescente, o que provocou a propagación do lume a unha leira limítrofe.

O departamento que dirixe Alfonso Rueda sinalou que o Índice de Risco Diario de Incendio Forestal (IRDI) na zona era extremo e que, polos feitos, se iniciaron dilixencias remitidas ao Xulgado de Instrución de Garda de Ourense.

INCENDIOS EN AMES ( A CORUÑA)

Por outra banda, axentes da Policía Autonómica procederon á imputación dun home como presunto autor dun incendio rexistrado o 13 de agosto en Ortoño, Ames e que queimou unha superficie rasa de 0,01 hectáreas.

As lapas producíronse cando o investigado lanzaba foguetes con motivo das festas patronais da Peregrina. As dilixencias realizadas foron remitidas ao Xulgado de instrución en funcións de garda de Santiago.

Tamén en Ames, foi imputada unha muller como presunta autora doutro incendio ocorrido o 15 de agosto na parroquia de Ortoño. Afectou a unha superficie de 3,65 hectáreas, das que 3,4 eran arboredos e 0,25 de superficie rasa.

A Vicepresidencia da Xunta destacou que o lume se orixinou por unha presunta neglixencia durante a queima de restos vexetais e lembrou que, nestas datas están totalmente prohibidas as queimas. Tamén se remitiron as dilixencias practicadas ao xulgado de instrución en funcións de garda de Santiago.

LUME EN SANTIAGO

Ademais, outro home foi imputado como presunto autor dun incendio que afectou a 0,05 hectáreas o pasado 12 de agosto na parroquia de San Xoan de Fecha, en Santiago de Compostela.

As lapas comezaron cando o investigado dispúxose a queimar herba seca amontoada nunha leira da súa propiedade. As lapas non ocasionaron danos nas leiras veciñais. O xulgado de garda fíxose cargo das dilixencias.

Por último, outra muller foi imputada en relación a un incendio que afectou a 0,2 hectáreas o pasado 14 de agosto na parroquia de Oleiros, no municipio de Ribeira.

O lume produciuse cando a investigada realizaba unha queima de restos vexetais nunha leira da súa propiedade. Non causou danos a outros particulares. As dilixencias foron remitidas ao xulgado de instrución de garda de Ribeira.

Algún erro? Nota editorial
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta