Un punto para arrincar

O Lugo empata 0-0 co Reus na súa estrea na Liga e no debut oficial de Francisco, que aliñou seis novidades no once inicial, incluído o central canteirán Pedro López. O vindeiro domingo, contra o Sporting no Molinón.

Por gcdeportes | Lugo | 22/08/2017 | Actualizada ás 00:10

Comparte esta noticia

Ficha técnica
CD Lugo 0:
Juan Carlos; Campadabal, Bernardo Cruz, Pedro López, Vasyl Kravets; Seoane, Ramón Azeez; Iriome (Guille Donoso, 63’), Campillo (Sergio Díaz, 78’), Fede Vico e Cristian Herrera (Escriche, 68’).
CF Reus 0: Edgar Badía; Campins, Olmo, Pablo Íñiguez, Miguel García; Álex Carbonell (Tito, 78’), Gus Ledes; Cámara, Miramón, Ricardo Vaz (David Haro, 61’) e Edgar Hernández (Máyor, 64’).
Árbitro: López Toca (cántabro). Amarelas a Vasyl Kravets (minuto 6), Campillo (11’), Campadabal (23’) nos lucenses e a Gus Ledes (59’) no Reus.
Incidencias: partido da primeira xornada de Segunda División disputado no estadio Anxo Carro ante 3.106 espectadores. Minuto de silencio na memoria das vítimas dos atentados en Cataluña. Con máis de 35 grados no inicio, houbo dúas pausas para refrescarse.

O primeiro 'once' do Lugo na Liga 2017-18.
O primeiro 'once' do Lugo na Liga 2017-18. | Fonte: laliga.es

No arrinque da Liga no Anxo Carro, un empate co Reus. O CD Lugo foi mellor ata o descanso, pero faltoulle o gol, e trala reanudación acusou o cansazo e o Reus, con máis posesión, tivo as súas únicas ocasións. Ao final, ninguén marcou e o 0-0 foi definitivo.

Francisco Rodríguez, no seu debut oficial no Anxo Carro, aliñou ata seis novidades con respecto ao ano pasado: Juan Carlos na meta; Campadabal, Bernardo Cruz e o canteirán Pedro López na defensa; Ramón Azeez no dobre pivote e Cristian Herrera na punta. No segundo tempo, debutaron outras dúas fichaxes, Guille Donoso e o paraguaio Sergio Díaz, e outro canteirán, Dani Escriche, xogou 25 minutos.

O Lugo foi superior no primeiro tempo e gozou de varias ocasións, sen apenas conceder chegadas ao rival. Un disparo de Campadabal foi a primeira e, trala pausa para hidratarse, Iriome, dúas de Cristian Herrera e unha falta de Campillo foron as opcións lucenses.

O Reus deu un susto nada máis principiar o segundo tempo, pero Juan Carlos evitou o tanto de Edgar Hernández. O Reus dominou pero sen moita profundidade. No Lugo entraron Guille Donoso e Dani Escriche, pero reactivouse coa saída do paraguaio Sergio Díaz. Escriche non puido aproveitar un pase Vasyl Kravets, pero unha indecisión do lateral ucraíno provocou a mellor ocasión visitante, que Pablo Máyor non puido definir tras canear a Juan Carlos.

Cun punto no peto, o CD Lugo visitará o vindeiro domingo o Molinón (19.00 horas) para enfrontarse contra o Sporting, que arrincou cun empate (0-0) na casa do Alcorcón.

Ramón Azeez, unha das novidade no Lugo de Francisco.
Ramón Azeez, unha das novidade no Lugo de Francisco. | Fonte: lfp.es

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta