Pregoeiras de excepción

As xogadoras do Star Center-Uni Ferrol lerán o vindeiro xoves o pregón das Festas de Verán do concello, como recoñecemento á mellor tempada da súa historia: terceiras na máxima categoría do básquet estatal.

Por gcdeportes | Ferrol | 22/08/2017 | Actualizada ás 09:58

Comparte esta noticia

Recoñecemento a un curso excepcional. As xogadoras do Star Center-Uni Ferrol serán as pregoeiras das Festas de Verán de Ferrol neste 2017. “É unha honra para o Concello e para a cidade que podamos contar con elas como pregoeiras de excepción para as festas deste 2017”, manifestaba o concelleiro de Cultura, Festas e Turismo, Suso Basterrechea, no anuncio da nova, no que estivo acompañado polo adestrador Lino López e por Patri Cabrera, en representación do cadro de xogadoras.

Patri Cabrera, o concelleiro Suso Basterrechea e Lino López, na presenctación da nova.
Patri Cabrera, o concelleiro Suso Basterrechea e Lino López, na presenctación da nova. | Fonte: @UniFerrol

“A pasada tempada foi inesquecible e para nós será unha honra ser as pregoeiras das Festas de Verán da nosa cidade”, manifestaba a aleiro canaria, a primeira do equipo en chegar á cidade para o novo curso.

“O Star Center é un nome propio para Ferrol e para o deporte en particular, xa que partindo dun orzamento moi humilde foron quen de acadar a terceira praza na Primeira División, o que veu acompañado dun fenómeno social de apoio da veciñanza que deixou pequeno o pavillón de Esteiro, especialmente nos derradeiros meses da tempada 2016/17”, lembraba Basterrechea.

O pregón será o arrinque oficial das festas da cidade e terá lugar este xoves ás 22.00 horas na praza de España. A encargada de levar a batuta das xogadoras do Uni será a ferrolá Carmen Fernández, a mais veterana no equipo (dende 2008) e que continuará un ano máis compatibilizando o básquet e o seu traballo como enfermeira. Malia que as xogadoras do conxunto ferrolán non principian a tempada ata o 1 de setembro, xa está confirmado que, alomenos, catro xogadoras poderán estar no acto do xoves.

“Para min, como ferrolán, é unha honra que o Concello pensase en nós, e coido que é importante para as xogadoras que te permitan ser pregoeiras. Carmen ten moita imaxinación, e Patri tamén, seguro que sairá algo bonito”, dixo Lino López. “Decidimos que Carmen sexa quen o lea, porque é de Ferrol, e nós acompañarémola e tamén participaremos”, apuntou Cabrera.

As ferrolás despedíronse de Esteiro tras unha tempada espectacular.
As ferrolás despedíronse de Esteiro tras unha tempada espectacular. | Fonte: @UniFerrol

O concelleiro Suso Basterrechea aproveitou para laiarse novamente de que a falta de apoio económico e financiamento impedise o soño europeo do Uni Ferrol. “O Goberno, quero remarcar, chegou ata onde podía chegar para apoiar ese soño e asumir ese reto europeo, sen dúbida bonito para Ferrol no seu conxunto, pero non puido ser”, recoñeceu o concelleiro de Deportes e Festas.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 2 comentarios

2 Dalle que libras

Susiño por que non explicas como é que lle adxudicas o palco das festas a unha empresa, despois de que o teña montado ?

1 Yoli Procesiones

En Ferrol si non es do mundo da farándula ou do deporte non tes mérito para ser pregoeiro das Festas. Eso é o que pensan os que fuman na bañeira e que parten os contratos das Festas para adxudicalos a dedo e que non saian a concurso público. Asi é como actúa Izquierda Unida