Galicia, entre as tres peores comunidades de España para traballar, segundo Adecco

O salario medio perde un 0,5% do seu poder de compra a pesar de aumentar un 0,7% no último ano.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 22/08/2017 | Actualizada ás 13:20

Comparte esta noticia

Galicia é a terceira peor comunidade autónoma de España para traballar, só por diante de Canarias e Castela-A Mancha, segundo o Monitor Adecco de Oportunidades e Satisfacción no Emprego, que profunda no grao de satisfacción e nas oportunidades do mercado laboral no segundo trimestre deste ano.

Indrustria láctea
Indrustria láctea | Fonte: Europa Press

No lado oposto, o ranking das autonomías con maior puntuación lidérano Cantabria, cunha nota de 6,3; Navarra (6,1) e a Comunidade Valenciana (6,1). No caso de Galicia (4,9), segue perdendo puntos por sétimo trimestre consecutivo e permanece por baixo da media estatal, cunha puntuación de 5,5.

Se se teñen en conta os soldos, Galicia segue nos postos de cola. Atendendo ao salario medio, ocupa o décimo cuarto lugar, o que supón unha posición máis que un ano antes ao superar a Murcia.

En concreto, o soldo medio galego experimentou, segundo Adecco, un incremento interanual do 0,7 por cento, ata os 1.456 euros mensuais. Trátase, por tanto, da nómina media máis alta en Galicia desde marzo de 2015; aínda lonxe da media estatal, que alcanza os 1.637 euros ao mes.

PODER ADQUISITIVO

A pesar diso, o poder adquisitivo dos empregados na comunidade galega caeu un 0,5 por cento debido á inflación.

Comparando os datos entre xuño de 2015 e o mesmo mes deste ano, os traballadores de Galicia sufriron unha deterioración da capacidade de compra equivalente a 89 euros ao ano. Sitúase así como a segunda comunidade que menos perdeu, só superada por Madrid (31 euros).

No outro extremo está País Vasco, cunha perda equivalente a 520 euros; mentres que Cantabria rexistrou unha mellora de 881 euros. Tamén hai cifras positivas en Asturias (488), Comunidade Valenciana (82) e Canarias (66).

COBERTURA E SINISTRALIDADE

Tamén analiza o informe a caída na cobertura dos parados, cunha taxa de desemprego que sitúa Adecco no 16,5 por cento. A nivel estatal, 13 autonomías seguen a tendencia xeral de aumentar o grao de cobertura dos seus desempregados, mentres en Galicia se foi reducindo nos últimos dous trimestres.

En concreto, o 52,1 por cento dos seus parados están cubertos por unha prestación de desemprego, a mesma taxa que tiña a finais de 2015. Ademais, detállanse os accidentes laborais que causaron baixa, que en Galicia se colocan por baixo da media. Por cada 10.000 ocupados galegos producíronse 61,3 sinistros; e o dato de España é de 65,7.

Con menos incidentes que Galicia só están Madrid (60,4), Castela e León (59,6), Cantabria (55,6) e Comunidade Valenciana (54,6).

OPORTUNIDADES DE EMPREGO

Nun contexto no que 15 comunidades melloran as súas puntuacións en materia de oportunidades de emprego e desenvolvemento profesional, Galicia é unha das dúas autonomías que retroceden.

Así, ocupa a oitava posición con 8,6 puntos; aínda que se mantén por encima da media estatal, con 5,6. Baleares segue na primeira posición, con 7,8 puntos, mentres Estremadura está á cola (3,8).

CONFLITIVIDADE LABORAL

Finalmente, en canto á conflitividade laboral, Galicia exhibe un lixeiro descenso e mantense na décimo cuarta posición dunha táboa que lidera Estremadura.

Tras encadear 13 trimestres consecutivos con descensos no número de folgas, este dato aumentou durante o segundo trimestre de 2017 ata os 22,3 conflitos por cada 100.000 empresas. Deste xeito, colócase en quinta posición a nivel estatal. Por diante están Euskadi, Navarra, Cantabria e Asturias.

Sobre a participación nas folgas, en Galicia cóntanse 19,2 folguistas por cada 10.000 ocupados, o que supón un 55,6 por cento menos que un ano antes. É o terceiro descenso máis marcado entre todas as autonomías. Hai un ano, segundo Adecco, Galicia tiña unha proporción de folguistas que duplicaba a media de España, pero agora sitúase por baixo.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta