Temas: SáLVORA TURISMO

A illa de Sálvora recibiu un 56% máis de visitas que o pasado ano

A Xunta destaca as actividades realizadas para promover as actividades de voluntariado ambiental.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 22/08/2017 | Actualizada ás 16:29

Comparte esta noticia

Cando aínda está moi presente a polémica polo overbooking de visitas ás illas Cíes e Ons, a Xunta acaba de anunciar que tamén a illa de Sálvora recibiu desde xaneiro ata o pasado mes de xullo a 9.469 visitantes, un 55,8% máis con respecto ao mesmo período de 2016.

Os conselleiros visitan Sálvora
Os conselleiros visitan Sálvora | Fonte: Europa Press

"Este enclave, un dos catro arquipélagos que conforman o Parque Nacional Illas Atlánticas, consolídase como un dos destinos turísticos por excelencia da Ría de Arousa", sinalou a titular de Medio Ambiente, Beatriz Mato, este martes durante unha visita á illa con motivo da finalización dos traballos de conservación realizados en colaboración coa Asociación Amicos de Ribeira. Ademais, tamén acudiu o conselleiro de Política Social, José Manuel Rey Varela.

Neste escenario, a conselleira asegurou que as cifras constatan o "interese crecente" que Sálvora comparte co resto do parque nacional, un espazo que, no que vai de ano, acolleu xa a máis de 220.000 visitantes, un 18% máis que en 2016.

Así mesmo, Beatriz Mato destacou o compromiso da Xunta pola protección e posta en valor da riqueza que representan os parques nacionais no seu conxunto, así como, en xeral, todo o patrimonio natural da Comunidade.

VOLUNTARIADO AMBIENTAL

Pola súa banda, Rey Varela valorou "decidida aposta" do Executivo autonómico por promover as actividades de voluntariado ambiental e destacou o papel que teñen os participantes destes programas no "coidado solidario e altruísta" do patrimonio natural.

Ademais, referiuse á importancia que as asociacións relacionadas co coñecemento, coidado e protección do medio ambiente teñen na campaña de verán que ten posta en marcha o Goberno galego, que oferta máis de 9.500 prazas.

INVESTIMENTO

Na visita, a conselleira de Medio Ambiente tamén destacou os investimentos da Xunta puxo en marcha nesta illa. Así, sinalou que nos últimos anos investiu 48.000 euros para rehabilitar inmobles, hórreos, reparar tellados de casas, así como paneis interpretativos.

"O pasado ano xa investimos case 100.000 euros noutra serie de melloras: arranxo de camiños, prevención de incendios, trampeo de visón americano, elaboración do dossier para recibir a Carta Europea de Turismo Sustentable, material divulgativo e seguimento de aves mariñas", lembrou Beatriz Mato.

Ademais, avanzou que, nos próximos meses, levarán a cabo diversos traballos de estudo, protección e conservación dos valores naturais do espazo insular por valor de 150.000 euros. A maiores, destacou que a Xunta está a piques de asinar un convenio co Ministerio de Agricultura para a posta en marcha de medidas de preservación de especies, cun investimento de 385.000 euros.

Temas: SáLVORA TURISMO
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta