A rotura das presas de San Fins podería producir un desastre ambiental na comarca de Noia

Así o asegura un informe de Augas de Galicia realizado en xuño. A Xunta ten destacado que non hai perigo de rotura das presas, mentres que a asociación Vida e Ría pide que se realicen novos estudos para avaliar o seu estado e a toxicidade dos residuos que contén.

Por Xurxo Salgado | Lousame | 25/08/2017 | Actualizada ás 12:37

Comparte esta noticia

Xunta e entidades ecoloxistas non se poñen dacordo sobre as conclusións dun informe encargado por Augas de Galicia sobre os residuos que acumulan as presas mineiras de San Fins, en Lousame. A Xunta apuntaba hai unhas semanas que non había “perigo” de rotura destas presas, non obstante, a asociación Vida e Ría asegura que o informe en cuestión alerta do importante desastre ambiental que podería provocar en toda a comarca se chegaran a romper.

Mapa da mina de San Fins, en Lousame
Mapa da mina de San Fins, en Lousame | Fonte: Adega

“No caso da presa 2, cuxo encoro se encontra practicamente colmatado, ao estar situada augas abaixo e ter unha maior altura, o arrastre dos materiais podería producir un importante impacto ambiental coa eventual rotura da presa“, asegura o informe que data de xuño de 2017.

Ademais, recoñece que non se pode estimar o perigo dos residuos alí acumulados. “De cara á restauración da zona do Dominio Público Hidráulico, sería preciso retirar os áridos acumulados nos dous enconros e realizar a xestión dos mesmos segundo corresponda en función da súa natureza”, indica e pide “avaliar a composición química dos sedimentos”. 

Non obstante, Vida e Ría denuncia que a propia observación visual permite verificar a simple vista a presencia de metais precipitados en todo a zona de encoro, “o que se explica polas altas concentracións de metais pesados que verificaron as analíticas de Augas de Galicia nese mesmo punto”, indica.

O informe de Augas de Galicia tamén detalla as características das presas. Así a maior delas ten 12 metros de altura e 50 metros de cumprimento. O volume estimado de residuos mineiros acumulados é de 33.879 metros cúbicos (aproximadamente 55.000 toneladas) aínda que recoñece o “elevado grado de incertidume” do cálculo, ao descoñecer a cota do leito orixinal. As dúas presas constan como parte das instalacións mineiras de San Fins ata que se deixaron de presentar plans anuais de labores no ano 2000.

Presas de San Fins, en Lousame
Presas de San Fins, en Lousame | Fonte: Vida e Ría

Vida e Ría denuncia que a Xunta de Galicia, e en particular a Dirección Xeral de Enerxía e Minas, continúa dificultando o proceso de investigación retendo a información relevante e non respondendo aos requerimentos de informes doutros departamentos da Xunta. Por iso, reclámalle que realice “de forma urxente” os estudos necesarios para coñecer a súa perigosidade, a cantidade de residuos acumulados e os riscos para a seguridade das presas.

“Non hai perigo”

Non obstante, a Xunta insiste en que “non se pode inferir que haxa un risco alto de rotura inmediata”. Así contestaba a Consellería de Medio Ambiente hai unhas semanas na Cámara Galega tras as conclusións do informe de Augas de Galicia.

A Xunta apuntaba que realizou un “informe descritivo das presas de cara a avaliar a súa situación e características”. Sobre a titularidade desas presas –que entidades ecoloxistas e partidos políticos vinculan coas empresas mineiras--, Medio Ambiente indicaba que non atopara “datos concluíntes sobre a titularidade das presas”, aínda que matizaba que “para o caso de que tivese formado parte da explotación ou se tivese construído para darlle servizo volverase a requirir á empresa para que dea cumprimento ao solicitado e garanta a seguridade da presa”.

Por outra banda, e ante unha restauración do espazo natural afectado polas presas mineiras, a Xunta limitouse a indicar que “na resolución de autorización de vertido que se outorgue, se esta procede, impoñeranse a esta explotación todos os condicionantes que sexan necesarios para o cumprimento da normativa”.

Vista da ría de Noia
Vista da ría de Noia | Fonte: Ría de Muros e Noia
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Leike

O desastre ambiental éo xa a Xunta do PP!