A Xunta renunciou xa a erradicar a praga dos cítricos, segundo un informe da UE

Medio Rural só tratría de conter a expansión do insecto Trioza erytreae, causante de enfemidades en laranxeiras, limoeiros e mandarineiros do país, principalmente, das Rías Baixas. A Unió de Llauradors esixe “maior responsabilidade” e máis medios para combatir esta praga que afecta tamén ao norte de Portugal.

Por Xurxo Salgado | Vigo | 25/08/2017 | Actualizada ás 14:11

Comparte esta noticia

A Xunta de Galicia teríase resignado xa á erradicación do insecto Trioza erytreae, psila africana que leva desde o 2014 atacando cítricos do país, principalmente, das Rías Baixas. Así o asegura un informe da UE encargado pola Dirección Xeral de Saúde e de Seguridade Alimentaria que indica que a Xunta de Galicia, e tamén o Goberno de Portugal, só se limitan, agora a conter a expansión do insecto, pero non a erradicalo, a pesar de que é un vector portador da máis temida enfermidade dos cítricos, coñecida como Huangglongbing (HLB) ou Greening. 

Efectos da trioza nos cítricos galegos
Efectos da trioza nos cítricos galegos | Fonte: Phytoma

No caso galego, os inspectores comunitarios conclúen que as medidas promovidas para frear a súa propagación "non son sistematicamente implementadas e como consecuencia diso a súa propagación ás áreas libres desta praga é considerada inevitable". Tal é a gravidade da situación que, segundo a monitorización levada a cabo pola UE, xa se constatou a presenza da Trioza en 57 municipios de Pontevedra, 33 da Coruña e 9 de Ourense. 

Os auditores europeos tamén constataron que os propietarios particulares non cumpriron en moitos casos coas obrigacións que esixe a normativa comunitaria, isto é, que non arrincaron as árbores afectadas, que tampouco realizaron unha poda severa na súa falta nin recorreron aos pesticidas habilitados porque tampouco tiñan a información sobre como usalos. 

O informe recoñece, en todo caso, que as autoridades galegas si cumpriron, en cambio, cos tratamentos públicos preventivos e o orzamento incrementouse considerablemente de 2015 a 2016, ano no que a Xunta chegou a orzar case 400.000 euros. 

Portugal, igual que Galicia

Os inspectores da UE tamén se desprazaron a Portugal e á Comunitat Valenciana -a principal zona produtora do Estado- onde comprobaron que os plans de vixilancia funcionan e que non se deu ningún positivo.  Non obstante, os inspectores comunitarios foron contundentes co país veciño. “Debido ao consolidado da poboación deste insecto, particularmente nas áreas urbanas (do litoral), a erradicación das zonas afectadas non é considerada factible polas autoridades competentes", recolle o documento. 

Adultos e ninfas de trioza
Adultos e ninfas de trioza | Fonte: Unió

Con todo, as visitas realizadas polos funcionarios da Dirección Xeral de Saúde e de Seguridade Alimentaria constataron, con todo, que a bacteria do HLB ou o seu outro vector coñecido -a psila asiática Diaphorina citri- non se atopa presente polo momento nin en Galicia, nin no norte de Portugal.

O informe europeo non axuda a tranquilizar ao sector agrario galego que tamén está pendente do que acontece con outra grave praga que afecta á pataca, como é a a da couza guatemalteca (Tecia solanivora). 

“Maior responsabilidade”

A dureza do informe alertou xa a algúns sindicatos agrarios. Así a Unió de Llauradors esixe “maior responsabilidade” e dotación de medios para os Servizos de Sanidade Vexetal de Galicia e Portugal. “Á luz da análise efectuada, constátase que parecen ser incapaces de frear a propagación do insecto”, indica. Ademais, reclama unha maior sensibilización da cidadanía ou mesmo cambios regulatorios para forzar que os obrigados tratamentos e podas do material afectado sexan efectivamente realizados nos xardíns de particulares, onde se localizou a maior parte dos casos desta praga. 

E o certo é que o temor vai en aumento nalgunhas zonas da península, sobre todo nas zonas produtivas da Comunitat Valenciana, Andalucía, Murcia ou Cataluña o que, segundo este sindicato, “podería supor unha catástrofe porque en só uns anos chegaría a bacteria, o que significaría a morte masiva do arborado”.

“A situación é realmente grave e obriga a tomar todas as medidas de protección posibles e vén corroborar as denuncias que reiteradamente se fan desde UNIUNA acerca da fraxilidade dos controis fitosanitarios na Unión Europea”, indica Unió.

A propagación en Galicia

A psila africana ou psílido africano dos cítricos, Trioza erytreae, é un insecto hemiptero da familia Triozidae. Afecta a laranxeiras, limoeiros e mandarineiros do país. Apareceu por vez primeira en Galicia na provincia de Pontevedra a finais de 2014. Entrou en Galicia dende a comarca arousana e, en 2015, detectouse en árbores de Vilagarcía de Arousa, Cambados, A Illa de Arousa, O Grove, Sanxenxo, Poio, Pontevedra e Cangas. Tamén ten xa presenza no Norte de Portugal. 

No Norte de Portugal os primeiros síntomas desta praga foron observados nos concellos do Porto e Matosinhos, en xaneiro de 2015.  En novembro de 2015 foi detectada na rexión Centro de Portugal, en Esmoriz.

Os danos directos producidos por esta praga caracterízanse pola deformación dos gomos tenros e a formación de numerosos bugallos que depauperan a planta. A Xunta recomenda, se hai cítricos afectados, que se notifique por teléfono a situación ao Servizo de Explotacións da Consellería do Medio Rural aportando os datos persoais, a localización da leira afectada e o número de árbores que sofren a praga. Se a infección é leve pódese queimar, senón aplicar un produto fitosanitario autorizado para o tratamento da psila.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 5 comentarios

3 Hai tempo

A Xunta hai moito tempo que renunciou a facer calquer cousa polo país, en xeral...

2 André

"mandarineiros" em galego é tangerineiras ou tanjarinas

1 anonimo

E aquí non se informa sobre a voda de Garzón. Sodes uns aburridos. Eu propoño que creedes unha sección para este tipo de novas: los fulares de Yolanda y Beiras, la camisa de Xulio, la gorra de Martiño... En fin, era de esperar do ninismo: agora son portada nas webs de prensa rosa os "comunistas" e seguro que a semana que vén saen na prensa do colorín... Gozade do votado! https://www.vanitatis.elconfidencia... E o máis importante: averiguade se vai Yolanda, Martiño e o resto da tropa... Recoñezo que xa que non cambiades nada polo menos divertídesnos... Aínda que con isto unha xa non sabe se rir ou chorar...

1 Galegus

A voda de Garzón e Anna é a proba máis evidente da súa hipocresía. Agora que trincan un bó soldo que os demáis non poden ni soñar viven como sátraptas, que é o que sempre quiseron.

2 Balbino Fernández

Kollona de Kollón, a min gústasme máis cando asinas como Geisha. Tampouco te poñas colorada, digo gustar como podería dicir caer máis simpática. E podes ter razón na crónica social, o preocupante é que empregas os mesmos argumentos que os fascistas. Pois iso, perdidiños na esquerda ou na falsa esquerda, facéndolle o xogo ao fascio. Parabéns na túa cruzada contra as Mareas de Podemos e á favor do PPsoE e anexos sistémicos (BNG).