A liña eléctrica de evacuación do proxecto eólico Mouriños, nova fronte aberta para Fenosa

Salvemos Cabana presenta novas alegacións a este parque xa que "a iniciativa non avalía correctamente os posibles efectos sinérxicos e acumulativos coas infraestruturas e liña eléctrica de evacuación" do outro proxecto eólico da compañía para a Costa da Morte, o de Pena Forcada-Catasol II. Ademais, sorprendentemente, o 'Programa de control de calidade ambiental' cita "de maneira reiterada" departamentos e normativas do País Vasco, advirten os ecoloxistas.

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 27/08/2017 | Actualizada ás 14:00

Comparte esta noticia

Salvemos Cabana vén de presentar alegacións á liña eléctrica de evacuación do proxecto eólico Mouriños de Gas Natural Fenosa. A plataforma considera que da documentación da empresa que a Xunta de Galicia puxo en información pública se deprende que "a iniciativa non avalía correctamente os posibles efectos sinérxicos e acumulativos coas infraestruturas e liña eléctrica de evacuación do proxecto Pena Forcada-Catasol II", o outro parque eólico que a compañía ten previsto establecer na Costa da Morte, a menos de 5 quilómetros de distancia.

Mapa de evacuación eléctrica do proxecto eólico Mouriños
Mapa de evacuación eléctrica do proxecto eólico Mouriños | Fonte: Salvemos Cabana.

A plataforma critica tamén que, na parte técnica, a iniciativa tampouco avalía "co detalle que sería pertinente" as posibles afeccións sobre os hábitats e as especies de interese comunitario na zona.

"Sobre a imposibilidade de fragmentación de proxectos industriais véñense pronunciando dende hai anos tanto tribunais estatais como internacionais", salienta a plataforma.

Os ecoloxistas lembran que, "de feito, a non autorización do fraccionamiento de proxectos foi confirmada por sentenzas como a do 16 de setembro de 2004 do Tribunal de Xustiza da Unión Europea (Asunto C-227/01), que condena a España por tramitar de maneira independente diferentes tramos dun proxecto de desdobramento dunha liña de ferrocarril, establecendo que o efecto útil da lexislación aplicable quedaría gravemente comprometido polo fraccionamiento do proxecto en distintos tramos".

Por isto, Salvemos Cabana considera que este feito "invalida o procedemento administrativo tal como se está a realizar pola Xunta" e pide que se plantexe dende cero integrando todos os proxectos presentados nun único expediente e valorando conxuntamente as afeccións socioambientais do mesmo, razón pola que solicitou a desestimación da autorización administrativa e de construción, a declaración de utlidade pública e de urxente ocupación, a declaración sectorial de incidencia supramunicipal e a emisión dunha declaración de impacto ambiental desfavorable en virtude das deficiencias no proceso de tramitación do proxecto eólico Mouriños e os seus expedientes complementarios.

CITAS A NORMATIVAS DO PAÍS VASCO

Doutra banda, a Salvemos Cabana parécelle como mínimo "sorprendente" que na sección 'Programa de control de calidade ambiental' do proxecto de execución da liña eléctrica se citen "de maneira reiterada" departamentos e normativas do País Vasco no que "parece máis ben un copia-pega da documentación doutro proxecto industrial presentado en Euskadi que unha errata accidental", advirte a plataforma

Así, entre outros apartados, en canto á protección do patrimonio cultural faise referencia ao "contacto co Dpto. de Patrimonio do Gobierno Vasco para comprobar a posible inclusión no inventario de patrimonio arqueolóxico e arquitectónico de novos achados na zona de obras". Algo que sorprende cando o proxecto se vai instalar na Costa da Morte.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta