Temas: CíES

A Xunta avisa ás navieiras que infrinxiron a cota das Cíes: “Xa abonda”

A conselleira de Medio Ambiente asegura que as sancións serán "contundentes". A asesoría xurídica da Consellería está a avaliar a posibilidade de trasladar o caso á Fiscalía. Mato tamén expresa a súa preocupación pola seca.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 27/08/2017 | Actualizada ás 14:17

Comparte esta noticia

A conselleira de Medio Ambiente, Beatriz Mato, asegurou que os expedientes sancionadores ás navieiras que infrinxiron a cota das Illas Cíes —2.200 persoas-— serán "contundentes" porque, subliñou, houbo "reincidencia" por parte destas compañías, ás que lles trasladou unha mensaxe: "Xa abonda".

Beatriz Mato, conselleira de Medio Ambiente
Beatriz Mato, conselleira de Medio Ambiente | Fonte: Europa Press

Aínda que Mato sinalou nunha entrevista en Radio Nacional de España que a lexislación permite alcanzar os 200.000 euros de sanción, indicou que, de momento, non pode dicir cal será a cifra económica exacta que se lles reclamará ás navieras por levar exceso de pasaxeiros.

"Fixemos un labor amigable", asegurou a conselleira do ramo, para logo lembrar que o día 19 de agosto se lles advertiu ás navieras que o día 20 non se permitiría á xente que excedese a cota pisar o chan das Illas Cíes. "A advertencia caeu en saco roco", lamentou, xusto antes de rememorar que o día 20 de agosto se viron obrigados a impedir a entrada á xente que excedía a cota de 2.200 persoas.

A continuación, Mato avanzou que a asesoría xurídica da Consellería está a avaliar a posibilidade de trasladar o caso á Fiscalía para que analice o tipo de delitos que se poden cometer ao emitir as navieras billetes "ilegais". "A solución era fácil: non emitir tickets falsos", remarcou Mato, para logo engadir que a Consellería detectou billetes que "non se corresponden cos legais".

Preguntada polas declaracións do alcalde de Vigo, Abel Caballero, quen culpou á Xunta do exceso de pasaxeiros, a conselleira de Medio Ambiente asegurou que "o deporte favorito" do rexedor olívico é "a confrontación permanente coa Xunta". Na súa opinión, as declaracións do alcalde constatan que "non lle importa a natureza" nin "a seguridade da xente".

CONCELLOS QUE SE ABASTECEN DE RÍOS

Cuestionada sobre a seca en Galicia, lembrou que o vindeiro venres 1 de setembro terá lugar a reunión da Comisión da Seca, onde se avaliará a situación. "Dinnos desde a oficina técnica que os encoros de auga de abastecemento están ao 77 por cento, seis puntos por baixo do ano pasado. Non significa isto que haxa problemas de abastecemento para aqueles concellos que se abastecen de encoros; non é o mesmo para os que se abastecen dos caudais dos ríos: aí hai problema", explicou.

A continuación, indicou que a gravidade a detectará a oficina técnica e pasará de clasificala de prealerta a alerta onde sexa "oportuno": "Non será unha alerta xeneralizada", asegurou Mato, quen admite, con todo, que Galicia está a vivir unha situación "anómala".

Neste sentido, non ocultou a súa preocupación sobre a situación que a Xunta se pode atopar nos meses de setembro e outubro se non chove.

Temas: CíES
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta