GC Aberto

Repensar as patentes

Son necesarias as patentes? Foco da polémica, estes incentivos ao investimento en I+D atópanse en permanente discusión.

Por diegosandeveiga | GC ABERTO | 05/09/2017

Comparte esta noticia

Captura dunha das pezas do documental 'USC360' nos laboratorios da Universidade de Santiago
Captura dunha das pezas do documental 'USC360' nos laboratorios da Universidade de Santiago | Fonte: USC.

Na discusión actual, as principais correntes de opinión están enfrontadas, diferenciándose principalmente entre dúas: a primeira defende a súa existencia como motor da innovación, argumentando a necesidade de protección dos esforzos e recursos (persoal, orzamento etc…) empregados; pola contra, a segunda corrente sostén que a existencia de patentes supón unha barreira de entrada nos mercados para as novas empresas, de maneira que se vulneran principios como o de libre competencia, impedindo ademais a posta en circulación dos coñecementos xerados.

O artigo 28 do Acordo da OMC sobre os Aspectos dos Dereitos de Propiedade Intelectual relacionados co Comercio (ADPIC) define as patentes como “títulos xurídicos que protexen unha invención, que confiren ao seu titular o dereito exclusivo de fabricación, uso, oferta para a venda, venda ou importación”. Esta protección outorgada pode ser válida tanto para produtos como para procedementos. As patentes constitúen dereitos temporais válidos durante un prazo máximo de 20 anos desde a súa solicitude, tempo despois do cal as invencións deben pasar ao dominio público (Ministerio de Industria, Turismo e Comercio, 2009). Mediante as patentes trata de fomentarse, xa que logo, a invención e o progreso técnico, facilitando ao inventor un poder de monopolio no mercado sobre o invento durante un tempo determinado.

Nun imposible mundo económico rexido pola competencia perfecta, ou incluso nun mundo económico irreal onde a totalidade de empresas e entidades de investigación tivesen interiorizada a importancia de contar coa I+D+i na súa planificación e contasen cos recursos necesarios, a existencia das patentes carecería de sentido. Pero, e no mundo económico real que coñecemos?

No actual sistema implantado as patentes aplícanse de maneira lineal e non progresiva. Isto quere dicir, no mundo empresarial, que os poderes de monopolio que confiren as patentes son outorgados por igual tanto a pequenas e medianas empresas como a grandes empresas que xa contan con grandes cotas de mercado e, polo tanto, poder de monopolio per se. Este sistema favorece que estas grandes empresas, as que contan con máis recursos para investigar e innovar, sexan as que estean a desfrutar en maior medida das barreiras de entrada a outros novos competidores.

Existe, porén, unha situación actual pouco ideal e, como solución, unha situación ideal que non forma parte da realidade actual. Na procura desa situación ideal, unha opción a valorar podería consistir en introducir un sistema que premiase en maior medida, e de forma progresiva, a aquelas empresas que conten con menor dimensión, recursos económicos ou incluso cota de mercado. Desta maneira os incentivos á I+D funcionarían de forma similar a como o fai calquera política de discriminación positiva. Unha política deste estilo podería favorecer en territorios como o galego ou o español, conformados eminentemente por micro-Pemes, o necesario crecemento e aumento de tamaño das pequenas e medianas empresas. Para que un sistema progresivo de transición puidese ser posible, ademais dos factores nomeados habería que ter en conta para a valoración das patentes, entre outras, cuestións como a importancia para a sociedade e o benestar da mesma, os posibles retornos que podería xerar, ou se poden actuar como elementos de bloqueo para outras investigacións futuras.

É, pois, un reto complexo no que ademais as tomas de decisión unilaterais non tería os efectos desexados, precisando dun gran consenso internacional -mecanismo mediante o cal permanece a blindaxe do modelo actual-.

Para acadar todo isto sería preciso, finalmente, realizar un importante investimento público en recursos humanos especializados que permitan exercer as numerosas tarefas de control necesarias. 

Trátase, como o lector pode observar, dun problema complexo e, por que non dicilo?, dunha ferramenta que podería estar incorrectamente aproveitada, polo de agora.

 

Bibliografía

OMC (1994). Acordo sobre os Dereitos de Propiedade Intelectual relacionados co Comercio, incluído Acordo de Marrakech polo que se establece a OMC, modificado polo Protocolo de 6 de decembro de 2005 que entrou en vigor o 23 de xaneiro de 2017. Marrakech, Marrocos.

Ministerio de Industria, Turismo e Comercio (2009). Manual de Estatísticas de Patentes da OCDE, adaptado do Patent Statistics Manual (2009) da OECD, París.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta