Como son as subvencións da Xunta para as empresas da industria 4.0 e a agroalimentación

A Consellería de Economía abre o prazo para participar no Programa Emprega Xuventude para formar e contratar a 500 menores de 30 anos.

Por GC Emprende | Compostela | 29/08/2017 | Actualizada ás 11:03

Comparte esta noticia

Emprega Xuventude. Ese é o novo programa da Consellería de Economía destinado a impulsar a formación e a contratación dos menores de 30 anos sen emprego en Galicia. Trátase dunha experiencia piloto pioneira na Comunidade, xa que combina por primeira vez formación e incentivos á contratación para mellorar a situación profesional da mocidade.

Creando unha web mediante Wordpress usando un ordenador portátil
Creando unha web mediante Wordpress usando un ordenador portátil

Nunha primeira fase, de forma experimental, investiranse 3,5 millóns de euros, financiados a través do Sistema de Garantía Xuvenil, para beneficiar a 500 mozos e mozas que se poderán cualificar e traballar en dous dos sectores estratéxicos galegos: a Industria 4.0 e o agroalimentario.

O principal obxectivo, segundo a Xunta, é ofrecer á mocidade galega a oportunidade de formarse e acceder ao mercado laboral. Para mellorar a súa cualificación, outorgarase un bono de 2000 euros aos participantes, que se formarán nas propias empresas, polo que a formación se centrará nas características do posto para o que é contratado o mozo ou moza. 

Para incentivar a contratación, haberá un segundo bono de 5000 euros -tamén por participante- para empresas de sectores e liñas de negocio empresarial vinculadas á innovación tecnolóxica industrial ou ao sector agroalimentario. Os contratos deberán ter unha duración mínima de 12 meses. Para recibir o bono formación será indispensable que a compañía teña contratado ao mozo ou moza.

Do que se trata é de identificar novas saídas laborais para os novos perfís profesionais e poder, desta forma, contar con profesionais máis preparados en sectores que precisan cualificación especializada como son os dous nos que se centra este ano Emprega Xuventude.

Así mesmo, a Xunta prevé con esta iniciativa axudar ao tecido empresarial galego a gañar en competitividade ao dispoñer de traballadores máis axustados as súas necesidades e contribuír a fixar poboación xuvenil nas vilas e cidades de Galicia.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta