Un novo réptil na illa de Ons: a osga común

Científicos do Parque Nacional das Illas Atlánticas dan a coñecer o achado dun exemplar de Tarentola mauritanica, nunca antes rexistrado nesta zona.

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 29/08/2017 | Actualizada ás 14:31

Comparte esta noticia

A illa de Ons, pertencente ao Parque Nacional das Illas Atlánticas de Galicia, ten un novo poboador, a osga común (Tarentola mauritanica), especie nunca antes rexistrada nesta zona. Do seu recente achado dan conta Vicente Piorno, Luis Martínez e José Antonio Fernández, do Parque Nacional, no último Boletín da Asociación Herpetológica Española.

Exemplar de osga común (Tarentola mauritanica) introducido accidentalmente en Ons tras a súa captura
Exemplar de osga común (Tarentola mauritanica) introducido accidentalmente en Ons tras a súa captura | Fonte: Eva Costa.

O día 12 de maio de 2017, persoal do Parque Nacional en Ons (concello de Bueu) foi contactado pola concesionaria dunha das vivendas da illa. Esta persoa comunicou que atopara un réptil que non podía identificar no interior dun remolque de tractor da súa propiedade que facía pouco levara á illa. O persoal do parque capturou inmediatamente o animal, identificándoo como unha osga común e trasladou o exemplar ao centro de recuperación de fauna silvestre provincial.

O remolque fora adquirido a semana anterior na localidade de Alguazas, na provincia de Murcia, e transportado por estrada ao porto de Bueu, desde onde viaxou en barco ata a illa de Ons. O traslado desde Alguazas a Bueu realizouse en camión. Previamente, o remolque fora embalado con lámina de plástico transparente para a súa protección. A salamanquesa foi atopada no interior do oco dunha balda do remolque, unicamente accesible co remolque desembalado e a balda abatida. Isto impediría que o réptil puidese acceder a ese oco durante o transporte e indicaría con toda probabilidade que a súa procedencia era a localidade de orixe do remolque. A distancia desde Alguazas a Bueu por estrada é duns mil quilómetros, relatan os cientíicos.

A Tarentola mauritanica nunca fora rexistrada con anterioridade nin na illa de Ons nin no concello de Bueu, aínda que si está citada pola Sociedade Galega de Historia Natural en 2016 nas proximidades das cidades de Vigo e Pontevedra.

En Galicia, expoñen os científicos do Parque Nacional, existe un número crecente de citas de presenza desta especie, especialmente na metade sur, ás que se lles atribuíu unha dobre orixe. Algunhas delas, fundamentalmente na provincia de Ourense, considéranse presenza histórica da especie. O resto asócianse con procesos de dispersión pasiva de carácter antropoxénico, é dicir, pola acción do ser humano, en localizacións frecuentemente relacionadas co tránsito de mercadorías.

Exemplar de osga común (Tarentola mauritanica) introducido accidentalmente en Ons, no remolque no que foi atopado
Exemplar de osga común (Tarentola mauritanica) introducido accidentalmente en Ons, no remolque no que foi atopado | Fonte: Eva Costa.

"O noso achado vén confirmar o papel do home e os medios de transporte na dispersión de Tarentola mauritanica na Península ibérica. Este papel xa fora apuntado con anterioridade (Cabana, 2008; Intre, 2015), pero non existe en España ningún caso documentado con evidencia directa do que nós teñamos coñecemento",  conclúen os científicos, que subliñan que a súa distribución mundial está moi condicionada polo ser humano e, con frecuencia, co transporte de mercadorías.

O certo é que, como expoñen os autores deste achado, a osga común atópase na maioría dos países que bordean o Mediterráneo occidental. Na península ibérica, a súa distribución esténdese polo centro, sur e leste, aínda que nos últimos decenios vén observándose un número cada vez maior de citas norteñas.

O potencial invasor da osga común considérase relativamente baixo e non se coñecen ameazas á biodiversidade local por parte de poboacións introducidas desta especie. De calquera xeito, os científicos salientan que os medios insulares presentan unha gran sensibilidade ás invasións biolóxicas. Por iso, avisan de que este caso subliña os riscos de introdución de especies que non forman parte da fauna natural e da necesidade de extremar as medidas de precaución para impedilas. 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta