#FilosofiaSi para defender esta materia no Bacharelato

Recollen máis de 8.000 sinaturas para que Filosofía volva ser obrigatoria en Bacharelato. Os promotores da iniciativa destacan que esta materia ofrece "referencias para enfrontarse a un mundo cada vez máis difícil".

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 30/08/2017 | Actualizada ás 17:05

Comparte esta noticia

Os promotores da iniciativa lexislativa popular (ILP) para pedir que a materia de Filosofía volva ser obrigatoria en segundo de Bacharelato chegaron este mércores ao Parlamento para depositar as 8.200 firmas que secundan esta reclamación.

Campaña para que Filosofía volva ser obrigatoria en Bacharelato
Campaña para que Filosofía volva ser obrigatoria en Bacharelato | Fonte: Europa Press

"Hoxe é un día de festa para a Filosofía en Galicia", celebrou a exdiputada do BNG Carme Adán, unha das portavoces (xunto co decano de Filosofía da USC, José Miguel Sagüillo, e o catedrático Jorge Álvarez) da delegación que impulsa esta ILP.

Tras lembrar que unicamente se necesitan 2.500 rúbricas para que a petición chegue a O Hórreo (os tres grupos da oposición xa avanzaron o seu apoio), destacou a "acollida espectacular" que tivo. É por iso que non dubidou á hora de resaltar que "a xente quere Filosofía".

Nesa liña, e para poder evidenciar todo ese apoio, Adán informou de que en setembro dará inicio unha campaña nas redes sociais que, baixo a lema 'Chía pola Filosofía', anima a tuitear unha frase dalgún filósofo co cancelo #FilosofíaSi.

O MODELO EDUCATIVO

A continuación, explicou que tras a petición de que Filosofía volva ser unha materia obrigatoria atópase unha reflexión xeral sobre o sistema educativo e sobre a sociedade que se está construíndo. Nese enfoque fixo fincapé Jorge Álvarez, quen explicou aos xornalistas que a súa reclamación non obedece a cuestións "académicas", que serían "lexítimas", senón "da sociedade e da opinión pública".

"O que se dirime non é se se dá unha materia máis ou menos en bacharelato, senón o tipo de educación que se vai a formular. Se é un ensino orientado ao técnico, a competencias de operatividade, cousa que é necesaria tamén, ou se é algo máis", reflexionou.

Nese sentido, o catedrático defendeu que o ensino non só ten que servir para achegar estas competencias, senón que debe contribuir "a amoblar a cabeza da xente".

E a Filosofía, como recalcou, "forma" e "non só informa" os estudantes, mentres lles dá "referencias para enfrontarse a un mundo cada vez máis difícil porque é cambiante".

"MOITOS VALORES"

"Hai moitos valores que nós podemos inculcar", abundou o decano da facultade de Filosofía de Santiago, quen saudou este "relanzamento" da materia que parece que se está dando. Preguntado sobre os motivos que levan a que non se cuestione a entrada de disciplinas relacionadas, por exemplo, co emprendemento, e si a Filosofía, interpretou que "parte do problema" reside en que tendemos a "buscar atallos".

"Neste momento de dificultades económicas, de cambios e de incerteza, está a levar a auga ao seu muíño moita xente que non ten unha visión o suficientemente responsable do que son os saberes importantes para a nosa sociedade", sostivo.

Ao fío diso, descartou a idea de que a Filosofía "non é útil". "Saber e opinar son cousas diferentes. Hai opinións ben fundadas na evidencia e outras menos fundadas e máis interesadas", resolveu.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 3 comentarios

2 Vijo

A divina Carme polo medio...Non estraña que solo obtivesen 8.000 sinaturas.

1 Gamela

8.000 sinaturas son moitas sinaturas !!!

1 Gamela

Un só xusto salvaría a Filosofía? O máis agradable do tema é que non só resta un xusto na cidade... polo menos 8.200 xustos queren que non se lles prive do dereito a pensar en liberdad ! E isto xa é algo bo, algo raro e algo esperanzador... Que Galicia exprese o seu amor pola Filosofía aínda que sexa asinando nun papel, é algo digno de ter en conta... Agora queda o máis difícil, que a casta política entenda algo algunha vez... !!! https://twitter.com/filosofia_si