A Universidade da Coruña, seleccionada pola ONCE pra formar a persoas con discapacidade

A UDC é unha das quince universidades do Estado elixidas para desenvolver programas de formación para o emprego destinados a xente nova con discapacidade intelectual

Por Galicia Confidencial | A Coruña | 31/08/2017 | Actualizada ás 12:04

Comparte esta noticia

A UDC é unha das quince universidades do Estado seleccionadas pola Fundación ONCE para desenvolver programas de formación universitaria para o emprego destinados a xente nova con discapacidade intelectual, no marco dunha iniciativa apoiada polo Fondo Social Europeo a través do Programa Operativo de Emprego Xuvenil dirixido a todas as universidades españolas, informan a institución coruñesa e a ONCE

A Universidade da Coruña
A Universidade da Coruña | Fonte: UDC.

Xunto coa UDC foron seleccionadas as universidades de Alicante, Alcalá de Henares, Pablo de Olavide, Pública de Navarra, Miguel Hernández, Complutense de Madrid, Murcia, Burgos, Castilla-La Mancha, Jaén, Málaga, Almería, Extremadura e Granada.

O obxectivo desta iniciativa é implicar ás universidades como axentes decisivos na inclusión social, na formación da xente nova con discapacidade intelectual, cuxo acceso á formación superior resulta aínda insignificante.

Actualmente non hai datos estatísticos de persoas con discapacidade intelectual na educación superior e a súa presenza limítase a casos illados. A nivel global, as persoas con discapacidade só están representadas nun 1,7% nos estudos universitarios de grao e a porcentaxe é aínda inferior cando se fala de estudantes de mestrado, posgraos ou doutoramentos. Só entre o 5 e o 6% das persoas con discapacidade teñen estudos universitarios hoxe en España, a pesar de que a Estratexia Europea 2020 fala dun horizonte do 40%.

A Fundación ONCE quere lograr a inclusión social por medio da formación e o emprego das persoas con discapacidade. Dentro deste colectivo, a xente nova con discapacidade intelectual representa un grupo con especiais dificultades de inserción laboral, debido ao seu baixo nivel formativo, polo que é precisa a realización de actuacións concretas para invertir esta situación e mellorar a súa empregabilidade.

Diversas investigacións poñen en evidencia que a formación de persoas con discapacidade intelectual na contorna universitaria en competencias profesionais xerais, contando cunha titulación emitida pola universidade, incide positivamente na súa inserción laboral en diferentes sectores empresariais e supón un crecememto mutuo para o alumnado con e sen discapacidade, subliña a UDC.

ESPAZO COMPARTIDO

A Universidade da Coruña conta desde 2013 cun proxecto universitario propio de formación en habilidades persoais, sociais e competencias básicas orientado á mellora da empregabilidade e ao fomento da inclusión laboral de mozos con discapacidade cognitiva. Trátase dun proxecto que nace coa pretensión de abrir o espazo universitario a colectivos que non poden acceder ás canles ordinarias debido ás barreiras de acceso á educación superior, fomentando a inclusión de todos os participantes e das súas familias na comunidade universitaria.

Espazo Compartido é unha aposta decidida pola responsabilidade social universitaria, unha mostra do compromiso da Universidade da Coruña coa sociedade e co dereito a unha formación digna dun colectivo en risco de exclusión social.

O proxecto foi impulsado polo Consello Social da UDC, a Vicerreitoría do Campus de Ferrol e de Responsabilidade Social, a Unidade de Atención á Diversidade da UDC e a Fundación da UDC. Trátase dunha iniciativa pioneira dentro do sistema universitario galego e dos primeiros a nivel estatal, que conta cun precedente similar a nivel internacional desenvolvido na Universidade Andrés Bello de Chile, institución cuxa colaboración contribuíu á posta en marcha desta iniciativa.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta