A Xunta gasta 212.000 € en facer propaganda do SERGAS cando se debate a súa reforma

O Goberno lanza a campaña para informar que o SERGAS é “un servizo público de referencia” ao mesmo tempo que tramita unha reforma da Lei de Saúde que, segundo sindicatos e oposición, abre a porta a máis recortes e privatizacións.

Por Manuel Vilas | Santiago de Compostela | 01/09/2017 | Actualizada ás 08:00

Comparte esta noticia

A Xunta acaba de adxudicar a realización dunha campaña publicitaria titulada “A sanidade como servicio público de referencia” por valor de máis de 212.000 euros. A gañadora do contrato é a axencia de Vigo J.J. Comunicación.

Adxudicación de Facenda da campaña de publicidade sobre o SERGAS
Adxudicación de Facenda da campaña de publicidade sobre o SERGAS

Haberá anuncios sobre o SERGAS  até o 15 de decembro deste ano en prensa, radio, televisión e Internet. Un dos obxectivos da campaña é informar á cidadanía dos “diversos servizos de natureza pública que a Comunidade pon ao seu dispor así como a necesidade de preservar entre todos os servizos públicos como a educación e a sanidade”, segundo a información do expediente á que accedeu GC.

A Consellería de Facenda, e non a de Sanidade, foi quen adxudicou este contrato o 28 de agosto. Forma parte dun Acordo Marco polo que Facenda aprobou destinar máis de 1,03 millóns de euros a compra de espazos publicitarios nalgúns medios de comunicación.

Facenda adxudicou esta campaña mediante o procedemento negociado sen publicidade. É dicir, non pediu prezo e especificou condicións mediante un anuncio no DOG. Polo contrario, solicitou orzamentos a determinadas axencias. Na documentación pública deste expediente, non figura máis oferta que a da gañadora. 

GC preguntou por escrito a Facenda o nome das outras axencias ás que, no seu caso, o Goberno pedira prezo. A Xunta non respondeu, malia poñerse GC en contacto coa consellería en varias ocasións.

Doentes aparcados en cadeiras e camillas nas corredoiras do CHUS o 31 de xaneiro de 2017
Doentes aparcados en cadeiras e camillas nas corredoiras do CHUS o 31 de xaneiro de 2017 | Fonte: Asociación de Pacientes

Facenda tampouco quixo explicar porque é esta consellería e non Sanidade quen asume o gasto e porque se escolle este intre, no que se debate sobre a reforma legal do SERGAS, para lanzar unha campaña para destacar o seu carácter público.

É necesario agora  informar a cidadanía de que a sanidade é un servizo público de referencia? O certo é que esta campaña chega xusto cando a Consellería de Sanidade impulsa unha reforma legal que, segundo numerosas asociacións e sindicatos, abre a porta a privatizar e recortar aínda máis o SERGAS. 

A reforma da Lei Sanitaria reduce as áreas de xestión e, segundo a oposición parlamentaria, dá máis poder aos xerentes hospitalarios. O Goberno do PP comezou a tramitar esta reforma a comezos de agosto. Nas mesmas datas é que cando, precisamente, a Xunta comeza a tramitar estacampaña publicitaria, que aportará diñeiro público aos medios privados cando teñen que informar  da polémica reforma do mapa do SERGAS.

Os medios que cobrarán por insertar a propaganda gubernamental están especificados nun plan de medios elaborado pola citada axencia. Esta selección de medios foi aprobada, como é norma na Xunta de Feijóo, pola Secretaría Xeral de Medios, que depende directamente do presidente. 

O conselleiro de Facenda, Valeriano Martínez
O conselleiro de Facenda, Valeriano Martínez
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 anonimo

Gustariame que ese calvo da Fiscalía que quere rematar xa todas as investigacións sobre corrupción en curso nos explicara qué entende el por malversación ou por prevaricación e por qué a propaganda de que a Sanidade Pública é pública non constitúen delito