O PSdeG cualifica de “obsceno” que se gasten 400.000 € en letreiros e publicidade do Sergas

Julio Torrado acusa á Xunta de “recortar servizos sanitarios para comprar carteis” e lembra que este gasto debía estar dirixido a pagar profesionais.

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 01/09/2017 | Actualizada ás 14:00

Comparte esta noticia

Obsceno”. Así califican os socialistas que, en pleno debate sobre a reforma da Lei de Saúde o Sergas teña convocado un concurso por 183.000 euros para cambiarlle o cartel a catro hospitais da Coruña e adxudicados outros 212.000 para propaganda sobre o Sergas, tal e como publicou Galicia Confidencial.

Concentración dos traballadores do SERGAS na Coruña contra os recortes en Sanidade
Concentración dos traballadores do SERGAS na Coruña contra os recortes en Sanidade

O portavoz de Sanidade do Grupo Socialista, Julio Torrado, criticou estes gastos “cando o propio goberno, en nome da eficacia e da optimización de recursos, está modificando a Lei máis importante da sanidade de Galicia precisamente para reducir servizos e recortar a atención sanitaria dos cidadáns”. “Mentres os galegos e galegas queremos investir en médicos e mellorar a atención sanitaria o PP prefire comprar carteis e facer publicidade”, resumiu.

Torrado lembrou que no anterior período de sesións, e mentres a Cámara autonómica debatía sobre a necesidade de máis recursos, de aprobar plans de mellora sanitaria ou da situación dos centros de saúde, o PP levaba unha proposta para cambiarlle o nome ao Hospital da Mariña. 

“Grave déficit de recursos”

Lamentou que tanto o PP como o goberno galego “parezan empeñados en facernos ver que viven á marxe da realidade dun sistema sanitario cun grave déficit de recursos”, dando “liberdade á súa obsesión por reducir servizos” e por cambiarlle o nome a un hospital, mentres “advertimos que estas frivolidades custan diñeiro”.

Sinalou que “os recursos da sanidade pública deben estar dirixidos a pagar profesionais e non para colgar carteis, ou para investir en proclamar o carácter público da sanidade, nun intento vano de enganar á cidadanía”. 

Advertiu que “os galegos e galegas saben ben que o PP quere reducir a sanidade pública e deixar o camiño aberto para as clínicas privadas, como demostra o récord de alegacións ao anteproxecto da Lei de Saúde, que en pleno mes de agosto xuntou 1.600 aportacións cidadás, ou das mobilizacións convocadas contra a desaparicións das áreas sanitarias de O Salnés, A Mariña, Valdeorras e Lemos.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta