Libros de Aleixandre, Villares e Calveiro entre os novos lanzamentos de Galaxia

A Editorial Galaxia, unha das máis importantes do país, acaba de adiantar as súas novidades para a nova tempada literaria en novela, poesía, ensaio, teatro e libros infantís.

Por Galicia Confidencial | Vigo | 01/09/2017 | Actualizada ás 16:00

Comparte esta noticia

No eido das novelas, lanzará  Alma e o mar, de Francisco X. Fernández Naval e Deixe a súa mensaxe despois do sinal, de Arantza Portabales. Aos relatos volve Antón Riveiro Coello con Á sombra dos bonsais.

Marcos Calveiro
Marcos Calveiro | Fonte: galeusca2010.aelg.org

No referido aos galardóns, prevé comercializar O xardineiro dos ingleses, de Marcos Calveiro, Premio García Barros, A senda de sal, de Francisco Javier Fernández Davila, Premio Novela por Entregas de La Voz de Galicia e a obra gañadora do Premio Repsol, que se fallará nos vindeiros días.

Na colección de poesía Dombate aparecerán Mudanzas e outros velenos, de Marilar Aleixandre, que recolle practicamente toda a súa poesía, Corpo de Antiochia, de Tamara Andrés, e Latexos Beat, a colectánea de poesía arredor do exitoso Festival Kerouac Vigo, un dos festivais urbanos máis importantes do Estado.

Día das Letras Galegas

O Ano Casares culminará coa difusión da súa obra literaria máis descoñecida no libro de relatos O suicidio de Jonas Björklund, tamén das súas columnas xornalísticas con A ledicia de ler

Ramón Villares, presidente do Consello da Cultura Galega
Ramón Villares, presidente do Consello da Cultura Galega | Fonte: CdC

De cara a celebración do próximo ano, está prevista a reedición da obra de María Victoria Moreno, á que se lle dedicará o Día das Letras Galegas, as novelas Anagnórise ou Guedellas de seda e liño que xa se poderán ler nunha edición anovada.

Tamén haberá espazo para a novela gráfica, da man de dous famosos, Kiko Dasilva e Xaquín Marín que publicarán Alma galega e Tonecho, respectivamente. No teatro, a piques está de saír Na butaca, de Esther Carrodeguas.

En ensaio Galaxia adianta que moitas serán as novidades, entre outras Identidade e afectos patrios, asinado por Ramón Villares, A liberdade no século XXI, de Enrique Sáez Ponte ou Ánxel Huete: unha revisión crítica. Tamén reeditaremos obras que marcaron unha época, como O triángulo inscrito na circunferencia, de Víctor F. Freixanes.

 

Lanzamentos para o público infantil

A colección Sonárbore, pensada para os cativos, seguirá adiante cos novos libro+cd de Mamá Cabra, Ti cociñas, eu cociño e Parábolas de Pakolas, de Paco Cerdeiras. Os bebés serán o obxectivo da nova colección Os libros de Wombi, os tres primeiros verán a luz este outono: Wombi e os chupetes, Wombi e os cueiros, Wombi e o medo á escuridade.

Na colección Árbore verán á luz Formigas, risas, flores e dinosaurios, de Euloxio Ruibal, Hermes, o aprendiz de mago, de Manrique Fernández. E nesta mesma colección terá un oco a poesía infantil con Dándolle a volta ao mundo, de Berta Dávila.

Este Nadal Galaxia estreará a colección Alfaia con Tenrura, de Antón Cortizas, un libro agasallo para todas as idades nun formato especial e tamén as mellores receitas compiladas por Carina Regueiro en Estrelas da despensa galega.

Marilar Aleixandre
Marilar Aleixandre | Fonte: IES MANUEL GARCÍA BARROS A ESTRADA
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta