A planta asfáltica de Xinzo chega á UE

Lídia Senra considera que o proxecto, con graves problemas de contaminación, non podería pasar unha rigorosa avaliación de impacto ambiental.

Por Galicia Confidencial | Xinzo | 02/09/2017 | Actualizada ás 09:00

Comparte esta noticia

A eurodeputada galega Lídia Senra levará á Comisión Europea a autorización dunha planta asfáltica que produciría mestura bituminosa en quente na Canteira de Bouzas, en Xinzo da Limia, e que obtivo o visto e prace do concello este pasado maio. 

Planta Asfáltica que se está instalando en Xinzo
Planta Asfáltica que se está instalando en Xinzo

Senra rexistrou esta semana unha pregunta por escrito dirixida á Comisión Europea (CE) na que pon ao ente comunitario ao tanto da situación deste proxecto da entidade mercantil Obras, Pavimentos e Instalacións Industriais S.L, (OPAIN), que contempla unha produción de 260 toneladas/hora nunha zona próxima a áreas protexidas e de interese arqueolóxico, con serios riscos ademais de contaminación para a poboación próxima.

A europarlamentaria denuncia que dita instalación está a 1.500 metros da zona de especial protección para aves ZEPA da Limia, que hai restos arqueolóxicos castrexos catalogados a escasos metros e unha carballeira centenaria documentada. Ademais, sinala que máis de10.000 persoas dos núcleos de poboación máis próximos veranse afectadas directamente pola contaminación que a planta pode ocasionar na saúde das persoas, na auga e no aire. “ante tales circunstancias, parece lóxico que dito proxecto non podería pasar unha rigorosa avaliación de impacto ambiental previa para a súa autorización”, destaca nun comunicado.

Elementos contaminantes

“A cuestión é especialmente preocupante tendo en conta que os fumes de asfalto están compostos por azufre, óxidos de nitróxeno, hidrocarburos aromáticos policíclicos, nafta, benceno, arsénico e metais pesados volatilizados”, lembra.

Ante esta situación, a eurodeputada galega insta á CE a poñerse en contacto coas autoridades estatais, autonómicas e locais para tomar medidas que fagan cumprir a Directiva 2008/1/CE relativa á prevención e ao control integrados da contaminación. Senra tomou esta iniciativa despois de reunirse hai unhas semanas e visitar a zona cos membros da Asociación de Veciños de Muiño de Lama, que levan recollidas máis de 4.500 sinaturas contra este proxecto.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Buleblue

Me parece bien. Detras de ese negocio seguro que está el propietario de la cantera, José Rodríguez el de OCA, antes OTECA. Un "empresario" conocido por empufar a todo el mundo.