Villoslada: «Todos os candidatos temos un pasado e uns apoios pero hai que superar as etiquetas»

O candidato a dirixir o PSdeG ten claro que hai que evitar os ataques persoas entre compañeiros e aposta por un partido unido para enfrontarse ao PPdeG e volver recuperar a Xunta de Galicia. Descarta as “etiquetas” de sanchistas ou susanistas e non desbota a posibilidade de abrir novas alianzas co BNG e En Marea, aínda que lembra que co Bloque hai máis entendementos porque xa comparten experiencias de goberno.

Por Xurxo Salgado | A Coruña | 04/09/2017 | Actualizada ás 08:00

Comparte esta noticia

“Non quero entrar nesa dialéctica porque entón tamén podería dicir que os outros candidatos tamén forman parte de aparatos...  Quen gaña ten que asumir unha posición política e, quen perde, pois terá que pasar a posicións de retagarda, sen tratar de restar mérito elexitimación a quen teña gañado as primarias”. Juan Díaz Villoslada, candidato ás primarias do PSdeG, ten claro que hai que evitar a confrontación entre compañeiros tal e como propoñen outros dirixentes do partido.

O deputado Juan Díaz Villoslada, candidato das Primarias do  PSdeG
O deputado Juan Díaz Villoslada, candidato das Primarias do PSdeG

Con 30 anos de vida profesional e dez como militante base do PSdeG, decidiu dar este paso porque entende que é necesario que o seu partido en Galicia teña sangue novo e fresco. E, aínda que apoiou a Pedro Sánchez suliña que “ninguén debe colgar o cartel de sanchista para patrimonializar esa marca”. “Agora hai que abrir unha nova etapa en Galicia, pero ten que pasar pola máxima unión e integración por parte de todos os socialistas galegos, e sempre asumindo que entramos nunha nova etapa”, indica recoñecendo que hai feridas que serán difíciles de cicatrizar.

Tamén avanza que poden darse cambios na acción de goberno con En Marea e co BNG, sen descartar pactos en concellos e outras administracións. “Penso que eses acordos co Bloque son máis fáciles porque hai unha tradición de goberno. En Marea, como partido instrumental, acaba de chegar á política  e por iso poida que lle custa máis a acción de goberno e de xestión do día a día dos servizos públicos municipais. Pero penso que, xa pasado a metade dos mandatos municipais, pode ser que a situación de alianzas nas cidades poida ir mellorando”, aclara nesta entrevista. 

A diferencia dos teus rivais nestas primarias e primeira gran campaña que fas. Como a estás levando?

É certo que é a primeira campaña para unha candidatura que encabezo eu, pero xa teño colaborado noutras campañas do partido como un militante máis. Ata este momento que son deputado nunca tiven ningunha responsabilidade orgánica, nin institucional. Levo dez anos de militancia na agrupación da Coruña e, polo tanto, a miña participación era como a dun militante máis. E logo tamén pola miña actividade profesional pois axudaba nos documentos que se me pedían. 

Juan Díaz Villoslada
Juan Díaz Villoslada

E desta vez?

Pois desta vez que me toca a min encabezar unha candidatura a min o que me está resultando máis reconfortante é ir por aí adiante, coas agrupacións locais, nas comarcas, coñecendo a moitos compañeiros militantes. E iso é a parte fundamental nesta fase porque estamos nun proceso no que os votantes son os militantes e o fundamental é falar con eles. Máis que dicirlle o que eu penso, é escoitar o que eles pensan, como se sinten, como ven o pasado, o presente e o futuro...

E neses mítines que che din sobre ese pasado, presente e futuro?

Máis que mítines son encontros bidireccionais....

Ben, entendo que lle queiras chamar encontros. E neses encontros que che din?

Pois están saíndo tres ou catro temas. Unha cuestión fundamental é que hai que traballar para ter futuro unidos, tamén queren voz e participación, que xa abriu Pedro Sánchez nesta nova etapa, que se escoite a voz comarcal do partido e, sobre todo, a voz das mulleres. Principalmente, a participación activa da militancia.

Falas de que estes encontros están sendo enriquecedores para ti, pero por que decidiches dar ese paso sabendo que ti es unha persoa que tes moi pouco pasado orgánico no partido e non tes a experiencia política dos outros dous candidatos?

Pois por responsabilidade política e por responsabilidade social. Un cando leva de militante base dez anos pois decide dar un paso ao fronte. Comecei xa o ano pasado cando decidín deixar a universidade e presentarme como candidato nas autonómicas. Ese é o primeiro chanzo en política activa. Pero logo, desde entón, tamén me motivaron moito os contactos que tiven con militantes, concelleiros, responsables comarcais e portavoces da oposición. Foi cando me fun dando conta da problemática que ten este país. E logo houbo xente que me comezou a animar e a decir por que non daba ese paso. Todo isto fai que lle deas un par de voltas, porque tamén influén as cuestións familiares, e decidín, finalmente, presentarme para abrir unha etapa nova. E, sobre todo, por non ter un pasado orgánico.

E ti cres que iso é unha baza, non ter pasado orgánico?

Pois eu creo que si, que pode axudar a proxectar unha imaxe de nova etapa para o partido.

Pero, obviamente, para dar este paso non só vale escoitar, senon ter apoios, senón non o das...

Si, claro.

E os outros contrincantes din que ese apoio o das porque detrás de ti está, digamos, parte do aparato do partido; xestora, agrupación provincial da Coruña e certas agrupacións locais...

Eu cando dou o paso obviamente é porque confirmo que conto con apoios pero, sobre todo, con apoios de militantes e de compañeiros. Evidentemente eu formo parte dun partido, e os meus contricantes tamén, que teñen un pasado e uns apoios. Pero eu considero que hai que superar esta forma de ver as persoas e ver as candidaturas e superar esa linguaxe de etapas anteriores de etiquetas e aparatos. Temos que mirar para adiante con outra forma de relacionarnos e de falar. Se facemos un repaso de todos os candidatos, pois todos teñen un pasado orgánico e todos tiveron os seus apoios e as súas alianzas. E entrar nesta dinámica que é propia do partido non nos leva a abrir unha etapa nova. Por iso creo que é absolutamente necesario contar con todos os apoios posibles, porque sería unha hipocresía. Pero non quero entrar nesa dialéctica porque entón tamén podería dicir que os outros candidatos tamén forman parte de aparatos. Pero é máis útil falar de medidas e propostas que buscar problemas ou atacando aos contrincantes.

Independentemente destes ataques que se perciben por parte dalgúns candidatos, ti, se gañas, vas a integralos no teu equipo?

Nos encontros que estou tendo unha das primeiras cousas que digo e das que falamos é da absoluta necesidade que o día despois do proceso todos debemos estar xunto con quen gañe.  E isto que digo eu tamén o teñen que pensar o resto dos precandidatos. Quen gaña ten que asumir unha posición política e, quen perde, pois terá que pasar a posicións de retagarda, sen tratar de restar nin mérito, nin lexitimación a quen teña gañado as primarias. Creo que iso é fundamental para que o partido camiñe.

Non barallas que haxa fusión de candidaturas como din outros candidatos?

Eu pola miña banda non. 

E temes que se produza esa unión entre Xocas e Gonzalo?

Eu en principio polo que vin non vexo que pensen nesas posibilidades. Ademais se algún barallara esa posibilidade estaría alterando esta fase de precandidaturas. Agora hai que recoller avais para poder ser proclamados candidatos. En fases preliminares estar falando de alianzas eu penso que é enganar os compañeiros de militancia.

En todo caso, os tres candidatos vos proclamades sanchistas, ou cando menos ti e Gonzalo si o manifestachedes públicamente... Como é posible que os tres, ou os vosos entornos, digan que sodes sanchistas e haxa un 30% de militantes en Galicia que apoiaron a Susana Díaz que non estean representados?

É certo que a nova etapa que abriu Pedro Sánchez foi maioritaria maioritaria de Galicia e nalgunha provincia foi superior ao 70%. Esta nova forma de entender o partido é predominante. Tamén eu teño dito, e que se me entenda ben, que non me sinto sanchista polo hiperliderato dunha persoa concreta, senón que apostei por Pedro Sánchez polo valor e o movemento que supuña dentro do partido. Iso é fundamental. Pero tamén teño dito que non me parece razoable que ninguén se colgue o cartel de sanchista para patrimonializar esa marca. Creo que os que estivemos nese apoio está acreditado, pero agora trátase de abrir unha nova etapa en Galicia para o PSdeG-PSOE. Ese é o reto fundamental.

É un reto fundamental pero nese proceso entre sanchistas e susanistas houbo unha fractura. Tamén en Galicia hai esa fractura, en Ourense, en Vigo, en determinadas agrupacións locais. Que vas facer se chegas a ser o secretario xeral do PSdeG para tentar mitigar esta situación cun partido que se asemella a un reino de Taifas?

Eu penso que a polarización das primarias federais, que foi forte, non é a que temos en Galicia. A situación actual é de certa fragmentación e ven de anos atrás, desde a perda do bipartito xa. Pedro Sánchez abriu unha nova etapa en España e agora hai que abrir unha nova etapa en Galicia, pero ten que pasar pola máxima unión e integración por parte de todos os socialistas galegos, sempre asumindo que entramos nunha nova etapa. Hai que ter en conta que Galicia ten o seu contexto propio.

E cando falas de contexto propio tamén te refires a pechar feridas desas agrupacións e ex baróns?

Eu creo que si. Algunha ferida quizais é difícil de curar ou cicatrizar pero o conxunto de feridas si que se poden curar e cicatrizar se somos capaces o día despois do proceso de traballar todos xuntoas coa Secretaría Xeral. Por iso eu avogo pola máxima integración pero, insisto, dunha nova etapa.

Un tema importante ao que se terá que enfrontrar o novo secretario xeral do PSdeG é visibilizar que pode ser a uténtica oposición ao PP...

Eu teño absolutamente claro, e penso que todos o teñen, que o noso contrincante político en Galicia é o PP. Por iso é fundamental focalizar toda a acción política no Partido Popular. 

E co resto de formacións políticas da esquerda en Galicia cal vai ser a relación?

Eu penso que somos quen de chegar acordos porque compartimos moitos aspectos de política social, de política cultura, económica ou lingüística. Por iso é fácil chegar a acordos fronte ao Partido Popular, pero tamén digo que o propio PSdeG, cunha longa experiencia como partido de goberno, tamén ten o seu perfil propio e temos o noso presente e o noso propio futuro. E nalgúns puntos podemos non coincidir con En Marea ou co BNG, aínda que é certo que coincidamos máis. Pero o que buscamos é que os galegos vexan que é o PSdeG a forza de esquerda máis capaz e preparada para poder quitarlle o goberno ao PP. E iso se fará na medida que poidamos visibilizar que somos unha forza unida e coherente. E isto sen prexuízo de chegar a acordos ou a alianzas coas outras forzas de esquerda como xa ocorre nalgunhas institucións, nomeadamente en deputacións e nalgúns concellos.

Pero eu o que vexo é que gobernades mellor co BNG que con e Marea. Así acontece, polo menos, en dúas grandes deputacións, pero non o facedes con En Marea en cidades como A Coruña, Santiago ou en Ferrol, na que saíchedes do goberno municipal. Porque hai máis sintonía co BNG que con En Marea actualmente?

Aí dase a circunstancia de que o BNG tivo experiencias de goberno. Eu cando traballei no Concello da Coruña vivín a etapa de coalición entre o PSdeG e o BNG e teño que dicir que foi unha etapa de goberno interesante e con acordos de traballo. Por iso penso que eses acordos co Bloque son máis fáciles porque hai unha tradición de goberno. En Marea, como partido instrumental, acaba de chegar á política  e por iso poida que lle custa máis a acción de goberno e de xestión do día a día dos servizos públicos municipais. Pero penso que xa pasado a metade dos mandatos municipais pode ser que a situación de alianzas nas cidades poida ir mellorando. 

Barallas entón que poida haber unha coordinación máis eficaz no futuro con En Marea e co BNG coa entrada do PSdeG en gobernos de grandes cidades, ou viceversa, por exemplo, en Lugo?

Eu creo que esas posibilidades van depender das circunstancias propias de cada localidade, da historia de cada cidade. De que partido era forte en cada cidade. Por iso é posible que existan posibilidades de gobernos en coalición, situacións só de apoios en investidura ou apoio para levar a cabo proxectos estratéxicos nunha cidade, como orzamentos, plans de ordeamento urbanístico, proxectos fiscais. Penso que non hai unha fórmula única senón que hai que atopar fórmulas concretas. Pero nós como o PSdeG temos un programa e idiario propio.

Xa para ir rematando... Falamos antes de que tiñas pouca experiencia orgánica e pode haber militantes que non te coñezan. Que lle dirías a un deses militantes que poida estar agora lendo esta entrevista sobre quen é e que quere para o PSdeG Juan Díaz Villoslada?

Pois diríalle que é unha persoa que logo de case 30 anos de vida profesional, despois de 10 anos de militancia de base na Agrupación da Coruña, decidiu dar un paso na política activa coa incorporación no Parlamento galego e agora no proceso de Primarias para tentar aportar algo novo neste partido. Creo que é necesario que este partido se renove e faga unha nova política cunha gran apertura á sociedade. Por iso creo que pode ser aire fresco no partido. 

Pois a ver se é certo e chega tamén aire fresco ao PSdeG porque parece que o necesita...

Pois si é certo. E precisamos todos abrir as fiestras para osixenarnos. Isto é unha cuestión biolóxica. Calquera organismo, como as plantas que o precisan para facer a fotosíntese, necesita tamén renovarse para poder seguir crecendo con forza. 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta