GC Aberto
Temas: SERGAS

Recortes de servizos no rural galego

As políticas do Partido Popular en Galicia están a desarticular o mundo rural. A desfeita da sanidade, última agresión, un factor máis que incide no despoboamento da Galicia interior.

Por CarmelaDocampo (http://twitter.com/carmeladocampo?lang=es) | GC ABERTO | 05/09/2017

Comparte esta noticia

Cando falamos do rural a todas se nos veñen á cabeza os pobos con menos de  1.000 habitantes ou, no mellor dos casos, de poboacións que non superen os 5.000. Galicia é a comunidade autónoma con maior número de núcleos habitados de España. Son milleiros os lugares, aldeas e parroquias dispersas pola súa xeografía.  Diseminación secular sustentada nunha economía de subsistencia e autoconsumo ligadas ao medio natural que a partir dos anos sesenta do pasado século entrou en crise. O cambio produtivo, proceso de industrialización, que se da no Estado provocou a obsolescencia dunha economía agraria baseada no minifundio.

Vellos sentados nunha parada de autobús
Vellos sentados nunha parada de autobús

A forma tradicional de explotación do campo deixara de ser rendible. Nun primeiro momento a resposta poboacional será a emigración ben, cara aos países de Europa, ben cara ás zonas en desenvolvemento do Estado. Fenómeno de especial relevancia no interior das provincias de Lugo e Ourense, as máis dependentes da produción agraria tradicional, que por unha parte despoboa os pequenos núcleos habitados e por outra incrementa a proporción de persoas maiores. Non é casualidade que todas as pequenas vilas, en apenas vinte anos, se dotasen de xeriátricos impulsados, financiados, o subvencionados pola Xunta e as deputacións provinciais mediante criterios clientelares.

Ademais as políticas executadas polos diferentes gobernos, estatal e autonómico, tiveron como consecuencia forzar a aproximación das familias ás zonas con servizos: capitais de provincia pequenas cidades, e algunhas vilas cabeceiras de comarca. Familias que buscaron unha vida máis cómoda e un acceso máis inmediato a escolas, centros de saúde, hospitais ou medios de transporte. A principios dos anos setenta impulsáronse as concentracións escolares  que suprimiron as escolas rurais actuando como un dos detonantes do abandono do territorio máis ruralizado. Cambio escolar que se fixo sen valorar a climatoloxía, moi adversa en inverno, e as vías de comunicación: estradas de montaña malas e por tanto moi perigosas. Nos anos oitenta séntanse as bases do Estado de Benestar que propiciaron a expansión do acceso da poboación á educación, á sanidade e á asistencia social.  Progresión do benestar social que o PP frea e desmantela escudándose na actual crise económica.

O PP impón recortes sociais, sendo o interior de Ourense e Lugo as zonas que máis sofren o deterioro dos servizos á poboación. Nos últimos anos as administracións recortaron a oferta de transporte ferroviario de proximidade, suprimindo, por un lado liñas e frecuencias, ao apostar pola construción do AVE que illa o medio rural, e por outro intentando eliminar o servizo de venda de billetes nas estacións rurais, intento errado polas mobilizacións populares.  Ao tempo, desarticularon o transporte de viaxeiros por estrada ao supeditalo á rendibilidade do servizo. Outro intento de desmantelamento de servizos no rural o sufrimos no ano 2014, cando o entón ministro de xustiza, Alberto Ruiz Gallardón, presentou unha proposición de Lei para reformar a Lei Orgánica do Poder Xudicial que supoñía o traslado das sedes xudiciais comarcais para concentralas nas capitais de provincia. As mobilizacións cidadás conseguiron a retirada da reforma e impediron a desaparición dos xulgados de primeira instancia. Nestes momentos o goberno da Xunta de Galicia, con Feijóo á fronte, en pleno mes de agosto presenta a reforma da “Lei de Saúde 8/2008”, lei vixente aprobada polo bipartito PSG-BNG que o goberno do PP non desenvolveu.

A reforma antepón os criterios económicos ás necesidades asistenciais e degrada as catro Áreas sanitarias rurais: O Barco, Monforte, O Salnés e Burela á categoría de Distritos sanitarios, nomenclatura ata este momento inexistente en sanidade. Degradación que supón trasladar aos hospitais de referencia, radicados nas capitais de provincia e grandes cidades, a toma de decisións, a maior parte dos servizos e a tecnoloxía. Como resultado das políticas do Partido Popular a discriminación e abandono da poboación rural do interior de Galicia vai en aumento. Trato discriminatorio que se ve agravado co reparto dos fondos do Estado entre os municipios, que outorga un peso decisivo ao volume de poboación en lugar de ter en conta os servizos que un concello está obrigado a prestar á cidadanía e que no caso de Galicia aumenta pola dispersión dos núcleos habitados e o envellecemento da poboación. Os concellos galegos reciben por cada habitante 194,94 euros, mentres que a media estatal é de 243,52 euros, é dicir 48,58 euros menos por persoa.

A atención e asistencia social gravita sobre os orzamentos municipais e os concellos, en moitos casos, vense incapaces de responder ás demandas dos seus veciños ao carecer dos recursos necesarios. Pouco a pouco as vilas e cidades medianas do interior de Galicia, poboacións de entre 12.000 e 20.000 habitantes ven minguadas as ofertas e calidade dos servizos, vendo como os seus habitantes se converten en  cidadás e cidadáns de segunda para a administración. Como consecuencia Ourense e Lugo, tras corenta anos de democracia, se atopan á cola das provincias con máis baixo poder adquisitivo e menor renda per cápita

Temas: SERGAS
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta